Unha ducia de Sermos nos quiosques!

Máis un Sermos á venda e xa van unha ducia deles. Esta sexta, poñemos faciana á crise e achegámonos ás persoas reais que sofren as consecuencias do desleixo gobernamental, o desemprego, os recortes e os poucos servizos sociais

Na crónica política desta semana falamos das trampas de Feijóo e do escenario político após o adianto electoral vasco. Asemade, achegámonos á Coruña para botarmos a ollada sobre Carlos Cela, acusado de terrorismo, cuxo caso vén de ser sobresivo finalmente polos tribunais españois.

No número doce, entrevistamos a Cé Orquestra Pantasma na contra e nas páxinas de cultura conversamos con Berdardino Graña. En economía, achegámonos á grave situación do sector lácteo galego, rebelámosche e explicámosche as causas. Non podía faltar unha lembranza a Lucho do Peto, Pousa Antelo sempre vivo en Sermos Galiza! Un número cargado de memoria, dignidade e loita: falamos do discurso de Mini e Mero polo premio Día da Galiza Mártir.

Esta semana, explicámosche como os recortes en sanidade afectan ás entidades que traballan na prevención e tratamento da SIDA e lembramos a resposta que o mundo da cultura deu á marea nega do Prestige. No número doce de Sermos Galiza, interesámonos pola opinión de Xabier Fortes, o xornalista galego destituído polo PP dos informativos 24 horas da televisión española.

Asemade, botámonos a andar a terra acompañad@s de Calros Solla polos recunchos de Sarmiento. Nas páxinas de internacional, falamos de como Latinoamérica se ergueu en bloque co caso de Assange. En deportes, proa é a parte de adiante, popa a de atrás. Xa sabes dabondo para poder ler neste número o que deu de si a temporada de traiñeiras. E xa para @s máis pequen@s (e non tanto), Okapi coñece a Pirilampo e ponse a bailar, gozar, cantar e aprender. Máis unha sexta, nos quiosques e librarías. Precisamos de ti. Subscríbete!

Comentarios