Unha delegación de estafad@s polas preferentes denuncia en Bruxelas o calote que afecta a milleiros de galeg@s

Unha delegación de representantes das plataformas d@s afectad@s polo calote das preferentes atópase en Bruxelas, nunha visita auspiciada polo BNG, para presentar unha denuncia perante a Comisión de Peticións da Eurocámara, organismo perante o que calquera cidadán da UE pode facer unha reclamación.
UE
photo_camera UE

A delegación está integrada por representantes das plataformas de Lugo, Santiago, Salnés, Baixo Miño, Ferrolterra, Moaña, Morrazo, Condado-Louriña-Paradanta, Redondela-Arcade, Arousa e organizacións como Adicae-Vigo e Agaprofi A Coruña. A súa estancia en Bruxelas prodúcese grazas ás xestións do BNG, nomeadamente da eurodeputada nacionalista, Ana Miranda, a petición destes colectivos.

O obxectivo é darlle aos afectados a posibilidade de coñeceren de primeira man o proceso de presentación da denuncia ante Bruxelas e de familiarizarse con todo o percorrido que atravesará a denuncia desde que chega á Comisión de Peticións, até que a cidadanía comparece para explicar o caso perante as eurodeputadas e eurodeputados e a posterior emisión dun ditame por parte do Parlamento Europeo.

Xuntanzas

Acompañados da eurodeputada do BNG Ana Miranda, os e as integrantes desta delegación manterán reunións tanto con responsábeis da Comisión Europea como da Comisión de Peticións. En concreto, no caso do Executivo da UE o encontro será na Dirección de Mercados e Servizos denpendente do Departamento que encabeza o comisario europeo Michel Barnier, responsábel de dar explicacións ao Parlamento Europeo sobre a estafa das preferentes. Igualmente, Miranda concertou un encontro con representantas da Comisión de Peticións, da cal é membro titular, con responsábeis do secretariado e deputad@s e expert@s do Grupo Verdes/ALE, ao que está adscrito o BNG na Eurocámara.

Comentarios