Unanimidade sindical ao denunciar a renuncia da Xunta a loitar contra a sinistralidade laboral

Afirman que a supresión do rango de dirección xeral do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral supón un "mazazo" para as políticas preventivas no eido do traballo. Na Galiza hai unha media de 3 accidentes mortais por mes no que vai de 2012 e dous sinistros graves cada día.
Accidente laboral

Os recortes e a austeridade do goberno de Núñez Feijóo non coñecen liñas vermellas. Se non as tiveron coa sanidade ou a educación, agora non as teñen cun tema tan sensíbel como o da prevención e loita contra a sinistralidade laboral. Así o veñend e denunciar os sindicatos CIG, CCOO e UGT que califican a supresión do rango de dirección xeral do ISSGA (Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral) como un "mazazo para as políticas preventivas no eido do traballo". O presidente da Xunta anunciou, no marco da súa aposta por 'adelgazar' a administración, que este instituto xa non será dirección xeral.

As tres organizacións sindicais desconfían de que detrás desta decisión "existe un intento de control de todas as políticas preventivas por parte da Consellería de Traballo e, polo tanto, a máxima politización das políticas preventivas no eido laboral.

Unha das vertentes máis importantes desta medida, indican as centrais, "é que supón unha baixada da garda en materia de prevención e, probablemente, en vindeiras datas un incremento e repunte da sinistralidade laboral. Máis feridos, máis falecementos e maiores custes para a sociedade, tanto en termos económicos, como en custes de carácter social para as familias e afectados".

Galiza: Dous accidentes laborais graves ao día

Un total de 30 accidentes laborais con resultado mortal e 369 de carácter grave, para alén de 17.223 sinistros clasificados como leves. Galiza segue a ter nos accidentes laborais unha das súas lacras. A media dos datos do Issga, Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral mostran como a sinistrabilidade no traballo segue a ser unha cuestión do día a día. A medida non deixa, neste sentido, lugar a dúbidas: 3 accidentes mortais por mes no que vai de 2012 e dous sinistros graves cada día.

No cómputo global de accidentes laborais servizos é o que rexistra máis incidencias (8.106), seguido do sector da industria (4.905 accidentes) e da construcción (2.871). Na pesca rexistráronse entre xaneiro e setembro 864 sinistros laborais e na agricultura 816.

Comentarios