Unanimidade no Parlamento para que se devolvan os cartos ás e aos afectados polas preferentes

O BNG conseguiu o respaldo unánime da Cámara para dúas proposicións non de lei, sobre a fraude das preferentes e sobre a devolución das indemnizacións millonarias dos ex directivos de NGB. Neste último caso, a proposta nacionalista insta ao Goberno a que pida a intervención do Banco de España e do Ministerio de Economía para que tome as medidas oportunas a ese respecto

Concentración de afectad@s polas preferentes
photo_camera Concentración de afectad@s polas preferentes

O deputado do BNG Henrique Viéitez trouxo de novo o debate destas indemnizacións ao Parlamento, á Comisión de Economía, porque considera que a Cámara galega non pode ficar allea nin mirar para outro lado ante unha situación “escandalosa” que suma un novo capítulo, o do compromiso por valor de 33 millóns de euros cando cheguen á xubilación.

Para o parlamentar nacionalista, este novo dato, nun contexto no que os afectados polas preferentes siguen sen cobrar, no que se acaba de coñecer que fan falta 4.500 millóns de euros máis, alén dos xa investidos, para sanear NGB, e no que xa se perderon 1.200 empregos no primeiro ERE e 2.000 que se producirán co segundo e terceiro, fai necesario unha actuación urxente por parte da Xunta, “pois estamos ante unha auténtica ofensa ao cidadán e ao sentido común de calquera, dixo.

 Solución para as preferentes

 Por outra parte, no transcurso da mesma comisión, tamén foi aprobada por unanimidade unha nova proposición non de lei do BNG sobre a fraude das preferentes. O deputado nacionalista Carlos Aymerich insistiu en que a única solución para os afectados por esta estafa é a da recuperación total dos seus cartos, non as trocas por outros produtos nin recorrer á arbitraxe, como pretende a Xunta.

A iniciativa, transacionada cunha emenda do PP, insta, por tanto, ao goberno galego a demandar do seu homólogo español unha solución inmediata que permita recuperar o 100 por cento do nominal dos títulos subscritos.

 Aymerich explicou que cumpría actuar de forma urxente ante a nova agresión que supón para este colectivo de afectados o Real Decreto Lei 2/2012, que coloca os intereses das entidades defraudadoras por riba do dos cidadáns.

O mesmo permite ás entidades de crédito diferir por un prazo de até doce meses o pagamento da remuneración prevista, pagamento diferido que se condiciona a que a entidade conte con beneficios ou reservas e predetermina tamén que a troca das preferentes non se fará polo seu valor nominal senón por unha porcentaxe do mesmo.

Comentarios