Dous incendios activos en Valdeorras

Os medios de extinción loitan contra dous incendios na comarca ourensá de Valdeorras, que permanecen activos nos municipios do Barco e de San Xoán de Río. O lume do Barco, que afecta á parroquia de Santigoso, iniciouse ás 13:00 horas e supera as 20 hectáreas segundo as primeiras estimacións provisionais da Consellería de Medio Rural.

 

Fontes de Protección Civil e brigadistas que traballan nos servizos de extinción de incendios indicáronlle á axencia Efe que o lume abrangue "tres parroquias", nunha ladeira, que se atopa próxima "a uns piñeirais". Nestes momentos, participan nos traballos de control, dous axentes forestais, 13 brigadas, 5 motobombas, 1 pa, 6 helicópteros e 8 avións.

Preguntado pola situación do incendio, o alcalde do Barco de Valdeorras, Alfredo García, declinou polo momento facer valoracións, aínda que cualificou a situación de "complexa" a causa da calor e do vento. As lapas ameazan vivendas, incluso, nas proximidades do núcleo urbano de Viloira, e obrigaron a evacuar a catro persoas ao hospital de Valdeorras, intoxicadas polo fume.

Por outra banda, fontes da Consellaría informan da existencia dun segundo incendio, tamén na comarca de Valdeorras, neste caso na parroquia de Cabanas, no termo municipal San Xoán de Río, que se orixinou ás 16.00. Respecto deste segundo incendio, un brigadista do equipo de extinción indicou que está aberto "unha fronte duns dous quilómetros". Neste lume traballan dúas brigadas, catro motobombas, 7 avións e un helicóptero, segundo apuntou Medio Rural.

A comarca de de Valdeorras está este venres en alerta amarela por mor das altas temperaturas, xa que as predicións meteorolóxicas esperaban que os termómetros poderían alcanzar até os 38 graos.

Comentarios