Un ex-alcalde inhabilitado preside a xestora de Oza-Cesuras que exclúe o BNG

A grande promesa do PP da fusión de concellos que daba un paso adiante co anuncio da unión de Oza e Cesuras naufraga coa xestión do proceso, cunha xestora presidida polo exalcalde inhabilitado para cargo público e coa exclusión do BNG, forza que representa a máis de 800 persoas da veciñanza. 

constitución da xestora
photo_camera constitución da xestora

Só representantes do PP e o PSOE conforman a xestora do novo concello de Oza-Cesuras. Un grupo de representantes do BNG, encabezados pola concelleira de Oza de Ríos, Estefanía Buscos, acudiu á sesión constitutiva para amosar a súa oposición á exclusión da nova xestora, o que definiron como un “atraco á democracia”. “Nin se cumpre a proporción de votos das eleccións municipais nin a paridade de xéneros. Isto é o cume dun proceso que desde o comezo estivo repleto de irregularidades” sinalou Busto. 

Exalcalde do PP inhabilitado

O excalcalde do PP de Oza, inhabilitado para cargo público por sentenza xudicial firme, José Peón, é o encargado de presidir a nova xestora de Oza-Cesuras, o que pon en cuestión a súa propia constitución. “Esta sesión é ilegal”, foron algúns dos berros que se oíron no fin da xuntanza ademais de “Isto é unha cacicada”. 

“150 km de confusión”, “PP: fusionamos para recortar” “A fusión non é a solución” ou “Non é fusión, é Ppropaganda” foron os lemas dalgúns dos carteis que portaban no acto de constitución da xestora, un proceso que, segundo afirmaron estase a facer “de costas á veciñanza”. 

A concelleira nacionalista en Oza dos Ríos, Estefanía Busto denunciou que “o único grupo que queda excluído da xestora é o BNG, máis de 800 veciños e veciñas quedan sen representación, isto supón un atraco á democracia”. Lembrou que só o BNG informou a veciñanza dun proceso do que non están a ser partícipes.

Comentarios