Redes sociais, vídeo e información interactiva integran un portal web destinado a xerar "un espazo de diálogo e de encontro do nacionalismo galego" de cara á Asemblea nacional que terá lugar en Compostela o vindeiro 17 de marzo.
Baixo o nome #contigo17M o BNG dispón un blogue que leva á organización frontista a numerosas plataformas virtuais habilitando contas en Tumblr e Pixelunion, para alén das xa tradicionais Twitter e Facebook. Aliás, a través da web, @s nacionalistas darán resposta a aquelas cuestións que se lles fagan chegar mediante a propia páxina na que tamén se recollerán propostas e achegas.
A iniciativa súmase á campaña #propónconnosco coa que o Bloque desenvolveu asembleas comarcais con simpatizantes á fin de elaborar as teses que levarán a debate o vindeiro 17 de marzo.