Un blog do comité de empresa denuncia as mentiras e manipulacións na TVG ao servizo do goberno do PP

O comité de empresa da TVG crea o blog 'Eu non manipulo', unha ferramenta que fai un seguimento diario dos noticiarios “para denunciar a manipulación informativa que sofre a canle pública”

Eu non manipulo
photo_camera Eu non manipulo

No dicionario da Real Academia Galega o verbo manipular ten até catro aceptacións. Tres das mesmas acaerían á perfección ao que desde o blog Eu Non manipulo se vén denunciando a respecto dos informativos da TVG: Realizar diversas operacións ou manobras de forma oculta para alterar ou falsear [unha cousa]; Tratar [un asunto] da maneira que máis convén aos propios intereses, sen ter en conta os dereitos dos demais; exercer un dominio abusivo sobre alguén] facendo que actúe segundo a propia comenencia e criterio e ignorando a súa opinión e intereses.

Eu non manipulo, e ti? é un blog de recente creación impulsado polo comité de empresa da Televisión de Galicia para denunciar “a manipulación informativa que sofre a canle pública e para demandar a creación do estatuto profesional que establece o artigo 36 da Lei 9/2011 de 9 de novembro dos medios públicos de comunicación audiovisual de Galiza, que contempla a creación dun consello de informativos para a Corporación RTVG”.

Se quere saber o que acontece en Galiza, sintonice a BBC

O blog fai un seguimento diario dos telexornais e noticiarios da TVG. Un seguimento, cómpre telo en conta, feito pol@s propios profesionais da canle. Mediante esta práctica, constátase como a TVG non cumpre nin co compromiso de ser pública nin galega. Novas de alcance mundial como a de Feijóo co narcotraficantes Dorado son ou ben obviadas, ou ben disculpadas ou ben minimizadas na TVG. A respecto deste escándalo, denuncia o comité de empresa da TVG a través deste blog, salienta que o fío narrativo do mesmo sexa a versión do PP e dos medios afíns, mentres se silencia á oposición, nomeadamente BNG e AGE.

Contrasta que neses mesmos días, xornais e noticiarios internacionais si que recollían a(s) noticia(s) das amizades de Núñez Feijóo cando era número 2 de Sanidade.

Galiza: Paraíso sen despexos, sen corrupción nin precariedade

Tal e como se denuncia neste blog, nos noticiarios da TVG apenas hai novas referentes a despexos acontecidos na Galiza (e que si se cobren por cadeas estatais) e cando os hai, como no caso de Aurelia, “a nova dase á media hora de iniciado o informativo, dun xeito completamente suave, sen citar incidentes nin dar referencia algunha á actitude dos bombeiros… Neses días, o PP (como agora) estaba especialmente empeñado en ignora-lo drama dos desafiuzamentos e as mobilizacións sociais contra eles”.

Igual proceder segue a TVG a respecto dos casos de corrupción que afectan o PP, como Bárcenas ou os relacionados co Concello de Compostela.

Mais tampouco teñen cabida nos informativos da TVG noticias que si saen noutros medios, tales como que o soldo dos galegos é o terceiro máis baixo do Estado.

E no que se refire ás manifestacións en defensa da sanidade pública na Galiza con participación de milleiros de persoas, son relegadas a tramos testemuñais nas noticias da TVG.

Coma os citados, hai máis exemplos no blog, citados cos datos correspondentes, para poñer sobre a mesa o problema da TVG, unha televisión pública que, sinalan, está sometida a criterios informativos que non parten de criterios como obxectividade e servizo público.

Comentarios