Un amplo tecido social convoca a cidadanía a se mobilizar contra as políticas antisociais do PP

A Alianza Social Galega, que representa máis de 60 colectivos, entidades e organizacións, chama os e as galeg@s a acudiren ás manifestacións do 20 de decembro que se convocan en diferentes partes do país
folga
photo_camera folga

"Abonda xa". Esta é a mensaxe clara e contundente de que as máis de 60 entidades que conforman a Alianza Socia Galega (ASG) queren trasladar aos gobernos do PP a respecto da vaga de recortes e agresións a dereitos laborais, sociais e cidadáns. A ASG fixo un chamamento á cidadanía a participar nas mobilizacións convocadas para o vindeiro xoves, día 20 de decembro, nas principais cidades e cabeceiras de comarca.

Con estas mobilizacións con que se queren denunciar as políticas antisociais que está a adoptar o goberno do PP. Medidas como a revalorización das pensións, os recortes na sanidade e no ensino públicos e a contrarreforma ideolóxica que representan a LOMCE ou Lei de taxas xudiciais. Como parte das reivindicacións tamén estará a exixencia de reformar da normativa hipotecaria para pór fin ao drama dos desafiuzamentos e lograr a dación en pagamento.

A convocatoria foi presentada polos secretarios xerais da CIG, Suso Seixo; de UGT, José Antonio Gómez e CCOO, Xosé Manuel Sánchez Aguión, así como por representantes doutras organizacións integrantes na Alianza.

O secretario xeral da CIG, Suso Seixo denunciou que todas as medidas que se veñen impoñendo, lonxe de axudar a saír da crise, provocaron un incremento do desemprego, da precariedade e da exclusión social e lembrou que as previsións para os próximos anos non permiten tampouco ser moi optimistas. Alén diso, subliñou que o PP está a aproveitar a crise para introducir o modelo ideolóxico “da dereita máis reaccionaria do Partido Popular”. Un modelo que cualificou de “inxusto, clasista e centralista”.

Hora e lugar das mobilizacións:

  • A Coruña. Delegación do goberno. 19:30 horas
  • Ferrol. Edificio da Xunta de Galiza. 19:30
  • Compostela. Praza de Galiza. 19:30
  • Lugo. Subdelegación do goberno. 20:00
  • Burela. Praza da Mariña. 20.00
  • Ourense. Subdelegación do goberno. 19:30
  • Pontevedra. Subdelegación do goberno. 19:30
  • Vilagarcía. Praza de Galiza. 20:00
  • Vigo. Marco (Rúa do Príncipe). 20:00

Podes ler aqui o manifesto da ASG

Comentarios