Un AFONDO monográfico da autoría de Xavier Vence debrúzase sobre un burato negro chamado Madrid

O catedrático de Economía Aplicada e portavoz nacional do BNG asina un caderno monográfico no que debulla as razóns polas que o Estado español é un bon negocio para Madrid, mais non para Galiza.

AFONDO Xavier Vence

 

A soberanía nacional como única perspectiva viábel. Esa é unha das conclusións tiradas do A Fondo asinado por Xavier Vence e titulado O burato negro madrileño. O centralismo abafante e a soberanía. 

O catedrático de Economía Aplicada da USC e portavoz nacional do BNG debrúzase en oito páxinas sobre o burato negro en que Madrid se ten convertido, como centro que capta a parte do león dos recursos xerados no conxunto do Estado. A débeda pública, a burbulla inmobiliaria, o rescate bancario, a débeda militar e o mal chamado défice eléctrico ou a fraude fiscal xeran unha xigantesca burbulla de arredor de 290.000 millóns de euros ao ano que ten o seu epicentro en Madrid. Unha cifra monstrosa que case quintuplica o PIB galego.

A xigantesca burbulla da débeda xerada por Madrid cuase que quintuplica o PIB galego

Un centro, Madrid, que é a razón de ser do españolismo: a ideoloxía oficial que responsabiliza da crise ao gasto público das entidades sub-estatais -as chamadas comunidades autónomas- e emprégao como excusa para desenvolver unha política (re)centralizadora .

Mais a realidade desmente esa ideoloxía e colócanos na situación inversa á que debuxa o españolismo centralista. Neste senso, non é o investimento público o responsábel da crise económicam senón un modelo político, económico e institucional que explota a periferia -no noso caso, Galiza- en beneficio alleo e engorda, así, a oligarquía española. 

A conclusión fundamental que se tira deste caderno de análise é que o Estado é un suculento negocio para Madrid, para o capitalismo castizo, devorador do excedente económcio producido polo resto dos territorios. A única alternativa é a de rachar a dependencia do centro. A de avanzarmos cara á soberanía, vén dicer Xavier Vence.

Comentarios