Un 1º de Maio para botarse ás rúas con "máis razóns que nunca"

Recollemos bocadiños dos manifestos con que as centrais sindicais e tamén o movemento feminista chaman ao protesto para nos revolvermos contra a ofensiva que os gobernos español e galego emprenderon para botar abaixo os nosos dereitos ao servizo da Unión Europea

photo_camera [Imaxe: Galiza-CIG]


Tal día coma o de hoxe, hai 127 anos, cinco obreiros anarquistas en Chicago foron condenados á morte por teren cometido a ousadía de reclamaren unha xornada laboral de oito horas. Máis dun século despois, a clase traballadora galega volve estar chamada ás rúas. 

A contrarreforma laboral impulsada polo Goberno español para "crear emprego" elevou até máximos históricos as cifras das persoas que non o teñen: namentres no Estado xa se superan os 6.000.000, na Galiza acaríñanse @s 300.000 traballador@s que non contan cun emprego remunerado. Os impostos seguen a subir. O repagamento sanitario e os azoutes á educación pública están a minar dous dereitos fundamentais. E que fai a Xunta? Torcer a cara asumindo a perda de competencias e deixando a soberanía do pobo nas mans do mellor postor. Malia que as centrais sindicais convocaron mobilizacións por separado, todas están de acordo, máis unha vez, en que hai "máis razóns que nunca". 


Partido Popular-Unión Europea, menos dereitos e máis pobreza

Con este lema chama a CIG a secundar as mobilizacións que están convocadas para esta cuarta feira en todo o País, porque "a saída da crise hai que conquistala. Hai que tirar abaixo este goberno, forzar a súa dimisión, e levar ao poder en Galicia e no Estado a forzas que sexan sensibles aos intereses da clase traballadora". 

"O goberno están en mans da banca e do capital financeiro, sobre todo dos bancos alemáns", denunciou o secretario xeral da CIG, arremetendo máis unha vez contra UE, PP e Goberno español porque "seguen a insistir nas mesmas políticas desde o inicio da crise, dirixidas todas elas contra a clase traballadora e os sectores máis desfavorecidos da sociedade e deixando claro o carácter elitista e burgués do Partido Popular".

Fronte ao "pesimismo" que comeza a callar na Galiza, Seixo chamou á "acumulación de forzas na esquerda" para que a resposta sexa proporcional á agresión que se está a producir en contra da clase traballadora.

Manifestacións convocadas => A Coruña: ás 12:00 horas dende a Praza de Vigo; Ferrol: ás 12:00 horas desde a Avda de Esteiro; Lugo: ás 12:00 na Ronda da Muralla (a altura do Edificio Sindical); Ourense: dende o Pavillón dos Remedios ás 12.00 horas; Pontevedra: dende a Praza da Ferrería ás 12.00 horas; Santiago: 12:30 horas na Praza Roxa; A Estrada: dende a Praza do Concello ás 12.00 horas; A Mariña: ás 12:00 horas dende o local da CIG (Avda. Arcadio Pardiñas, 137); Vilagarcía: dende a Casa do Mar ás 11.00 horas; Ribeira: 12:00 horas, da Praza do Peixe; Manifestación central en Vigo: cruce da Doblada con Urzaiz ás 11.30 horas.


A feminista é obreira, o feminismo a luita!

"As trabalhadoras da Galiza ponhemos o nosso punho bem alto este 1 de maio do 2013. Querem-nos reducir ao doméstico, querem-nos obedientes, que permitamos que manexem o nosso corpo, querem-nos sumisas, querem-nos mulheres incubadoras e mulheres em luita é o que vam ter". Arrinca así o manifesto con que o feminismo galego chama tamén ás rúas na procura dun paso firme para deixar claro que este movemento non procura unicamente a equidade nos dereitos entre mulleres e homes, senón rachar con calquera relación de dominación.

"Por um desenvolvimento económico, e nom um progresso, por umha jornada laboral de 30 horas, para trabalharmos todas, com a justiça social, contra a penalizaçom do aborto e a privatizaçom, porque temos direito a ser livres, soberanas sobre nós mesmas e nom ser tratadas como mercadoria ou objectos". Por todas estas razóns, o 1º de Maio terá un boco lilá. Convocan en Compostela, ás 12.30h na Praza Roxa.


Non teñen límite. Loita polos teus dereitos

Detrás da mesma faixa camiñarán CC OO e UGT, que queren denunciar este Primeiro de Maio "o xeito de actuar da Unión Europea, ao ditado da chanceler Merkel e insistindo nas súas receitas neoliberais, déficit, golpe ao estado de benestar e aos dereitos sociais e laborais, paro e recesión. 

As dúas centrais queren aproveitar esta data para lles dicir "aos que gobernan" que "fronte ao drama do paro, reactivación económica; fronte á desregulación laboral, dereitos e convenio colectivo; fronte ás privatizacións, servizos públicos e protección social; e fronte á crise social e política, máis e mellor democracia".

Movilizacións convocadas => manifestación central na A Coruña: 12.00h (praza da Palloza); Ferrol: 12.00h (praza do Inferniño); Compostela: 12.00h (Alameda): Lugo: 12.30h (sede sindical, rolda da Muralla); Viveiro: 12.00h (casa sindical); Ourense: 11.30h (pavillón dos Remedios); Vilagarcía: 12.00h (praza de Ravella); Pontevedra: 12.00h (praza da Peregrina); Vigo: 11.30h (cruzamento Vía Norte/Urzáiz)


Na defensa das nosas vidas, seguimos na loita

CUT e CNT chaman tamén ao protesto de maneira conxunta cun manifesto en que alertan de que a acción espontánea que emprenderon ocupando as instalacións da patronal "tiña o dobre sentido de advertir de que a pasividade xa non será máis unha actitude útil" para a clase obreira e, doutra banda, que cómpre "dar un paso máis alá baseado na mobilización activa e na toma do noso futuro coas mans". 

Arremeten contra "o entramado sindical institucionalizado" de CC OO e UGT, a quen a CUT sinalou como "cómplice" de asinar sucesivos acordos "para recortar nos nosos dereitos". Revólvense contra unha débeda "ilexítima" e que "nós non temos contraído", e denuncian o camiño ascendente que levan as cifras do paro, con 287.400 persoas no desemprego na Galiza após perder o País 52.000 traballador@s con emprego remunerado en só un ano

Manifestacións convocadas => Vigo: 11.00h desde a Praza Fernando o Católico; Compostela: 12.30h desde a Praza do 8 de Marzo (Porta do Camiño); A Coruña: 12.30h desde a Praza de Pontevedra; Ourense: 12.30h desde a Ponte Romana.

Comentarios