''A TVG só me veu entrevistar para lle cubrir as costas ao PP dicindo que o ataque non foi de fascistas galegos''

Entrevistamos o avogado Gustavo García. O seu despacho sufriu nestes días un ataque. Descoñecid@s pintaron esvásticas nas paredes, depositaron excrementos polo chan, cravaron coitelos en retratos de represaliad@s e escribiron lemas da extremadereita. 

avogado_dentro
photo_camera [Imaxes: GZ-Vídeos]


"Estafado" pola televisión pública. Así dixo sentirse Gustavo García, letrado da Fundación galega contra a Impunidade. El propio recoñece que se esta conversa se realizara na terza feira "a entrevista que che daría sería moi distinta".

Coñecido pola súa actividade en prol dos dereitos civís e laborais vinculado no pasado ao sindicato CIG, está "case convencido" de que a extremadereita galega non tivo nada a ver co ataque ao seu despacho. Porén, non quere pechar ningunha liña de investigación e só ten claro que "o que aconteceu foi polo meu traballo". 

Por que vinculou o ataque co fascismo turco?

Veume á cabeza esa posibilidade porque no despacho hai pintadas que poñen PKK dentro dunha diana porque eu teño moita relación cos curdos. Fun ao Parlamento europeo un par de veces cando se decidía se Turquía entraba na UE, como parte da delegación curda para informar á comisión sobre a situación dos dereitos humanos e da represión. Nos anos 90 xa me detivera o exército aló e un par de anos máis tarde volveron prenderme en Istambul, a policía. Até me detiveron hai dous anos en Londres por viaxar canda curdos. 

"Fun ao Parlamento europeo un par de veces, cando se decidía se Turquía entraba na UE, para informar da represión ao pobo curdo"

Aliás, hai unha muller amiga miña desde hai máis de 15 anos, que foi guerrilleira que quedou mutilada pola metralla e veu á Galiza, estivo na casa da miña familia... e agora é a embaixadora oficiosa dos curdos en París. Estaba moi coordinado con ela para facer o meu traballo e levei unha impresión moi grande ao me enterar por un xornal de que entraran na súa oficina no medio de París e matárona a tiros, a ela e a outras dúas mulleres que traballaban alí. 

[Fala de Sakine Candiz, quen en 1978 fixo parte da fundación do PKK, o Partido d@s traballador@s do Kurdistán, que Ankara prohibiu e que foi cualificada de 'organización terrorista' polos EUA e por Europa. O 11 de xaneiro de 2013 executárona dun tiro na cabeza cando se atopaba no emprego, na sede do Centro de Información do Kurdistán, en París] 

O despacho estaba todo revolto. Porén, tiña tres estantes cheos de libros de curdos que quitaron para fóra, ciscáronos no medio e botáronlle enriba merda. Colocaron os curdos como centro da historia. Despois está a pintada do PKK nunha diana e outra máis que se refire aos Lobos Grises [nome dun grupo da ultradereita turca que opera fundamentalmente en Alemaña]. Malia todo isto, é absurdo pensar que van vir os turcos aquí para isto. Eles pegaríanme un tiro na caluga, non farían esta pallasada.

Parécelle máis fiábel esta posibilidade que a dun grupo fascista da Galiza? Hai pouco o centro social A Revira, en Pontevedra, sufriu un ataque nesa liña.

Eu agradezo moitísimo a solicitude que BNG e AGE fixeron no Parlamento para que o Goberno galego investigue a extremadereita galega, mais dubido que sexa algo así. Ese é un rollo moi rancio, nos anos 60 facíase, quen tiña unha libraría con libros de Marx, por exemplo, rompían os escaparates e facían isto que me fixeron a min con esvásticas por todas partes.

Mais esas organizacións xa non existen e até onde eu sei os fascistas galegos son nacionalistas e falan portugués [refírese ao Movimento de Resistência Ariana, autores da agresión a un mozo nun pub gay de Compostela]. O que non farían sería unha hecatombe con Castelao, nin con Bóveda nin con Ánxel Casal. 

Está a traballar para que o 20-N bote a andar máis unha fundación, 'Adriana Calvo'. Cal será o seu cometido?

Pois virá ser o mesmo que a Fundación galega contra a Impunidade, mais terá un ámbito de actuación máis amplo porque se ocupará de denunciar todos os crimes contra a humanidade: dos curdos, dos arxentinos, dos chilenos, dos armenios... O que pretendemos, para alén de reivindicar as vítimas dos xenocidios, é falar de quen as matou, que non apareceron nunha cuneta porque si.

"O que pretendemos, para alén de reivindicar as vítimas dos xenocidios, é falar de quen as matou, dar nomes"

Damos nomes como Eduardo Vieira, o fundador de Vieirasa, a quen lle puxemos cartaces por todo o Berbés denunciando que foi un represor e con pintadas como 'Esta empresa medrou co sangue dos asasinados no Bou Eva'. Este señor pode querer facerme dano, mais non é un facha; fai o paripé para que pareza que o é. Do que estou seguro é de que o que pasou foi polo meu traballo.

Como valora a atención que deron ao acontecido no seu despacho na televisión pública?

A eles dinlle precisamente moitos deses nomes e non os publicaron. Despois de me facer perder toda a mañá, nin sequera quitaron a miña entrevista!

A única información que lles interesou foi a xustificación que o PP vai dar no Parlamento: que creo que non hai ningún grupo terrorista da extrema dereita galega que haxa que investigar. Non lles interesaba informar senón cubrir as costas ao goberno que lles está a pagar. O que me aconteceu foi moi grave, mais o que fai o PP cos medios públicos e moito peor aínda.

Ese partido e ese goberno dos que fala non condenou o ataque. 

Iso paréceme penoso. 

"O que me aconteceu foi moi grave, mais o que fai o PP cos medios públicos e moito peor aínda"

Foi a primeira vez que lle entraron no despacho?

Bon, na sexta feira á noite [en referencia ao 1 de novembro] xa romperon o cristal do portal cunha pedra envolta nun pano e entraron. Aquí non hai máis que dous andares de oficinas. Metéuseme na cabeza que alguén entrara na miña e desde ese día boto en falta o meu teléfono móbil.

Porén, facer non fixeron nada. O domingo á noite non durmín alí, que eu estaba a durmir alí nunha cama que teño para avanzar co traballo. Na segunda feira tiven un xuízo en Pontevedra e cando cheguei na terza á primeira hora atopeime con todo iso. 

"Que o PP non condenase o ataque paréceme penoso"

Aínda que foi moi desagradábel porque no despacho teño moitísimas cousas e quedaron desfeitas, estou a recibir apoios e solidariedade das catro esquinas do mundo. Ao final está a servir para que a Fundación que presentamos o 20-N teña a repercusión que merece e que non se conseguira. Fixéronme moito ano mais agora, co tempo andado e após dous días desfeito, estou a lle ver o lado positivo.

Comentarios