O TSXG ve "desviación de poder" nunha adxudicación do Sergas ao marido da conselleira de Sanidade

A decisión da administración outorgaba a xefatura do Clínico de Compostela ao marido de Rocío Mosquera. Na sentenza o xuíz sinala unha "falta de motivación clamorosa" e un delito de "desviación de poder". Mosquera era naquela altura xerenta do Sergas. 

A sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza anula a convocatoria de adxudicación da xefatura do Clínico de Compostela. A decisión do tribunal considera que existe un delito de "desviación de poder" entre @s integrantes da comisión de valoración pois o titular da concesión é o marido da actual conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera. O concurso produciuse cando esta era xerente do Sergas. 

Rocío Mosquera era xerenta do Sergas cando lle foi adxudicada ao seu marido a xefatura do CHUS

Segundo recolle a sentenza "a falta de motivación é clamorosa" no tocante á valoración do proxecto técnico. Para o xuíz "o baremo" empregado pola comisión de adxudicación é "altamente cuestionábel" porque, sinala, "encerra tres cheques en branco" correspondentes á calidade, contido e adecuación que "abren a porta á arbietrariedade". 

Aliás, o ditame emitido polo TSXG recalca o carácter público da adxudicación o que lle exixe, apunta, á comisión responsábel da adxudicación, "facer un esforzo serio, rigoroso, elocuente e claro" das razóns que avalan a puntuación emitida. En troca, acrecenta, a decisión adoptada "apartouse de pautas obxectivas e eludiu unha motivación clara, explícita e razoada" a respeito do proxecto técnico. 

Perante este feito, o tribunal exixe a convocatoria dun novo proceso desenvolvido por unha outra comisión. Pola súa banda, as forzas da oposición iniciaron a vaga de raccións á decisión xudicial. Neste senso, AGE reclama a demisión da conselleira no que entende constitúe un "gravísimo nepotismo" mentres que o PSdeG exixe a súa comparecencia parlamentar para explicar o acontecido. 

Comentarios