O TSXG, obrigado a desmentir información da imprensa sobre a morte de Asunta Basterra

Practicamente todos os medios de comunicación publicaron esta cuarta feira a nova de que na camisola da nena se acharan "restos de seme" e que "non son de seu pai". Após un comunicado do Superior galego desmentindo tales afirmacións, La Voz de Galicia recoñeceu que as tirou "dun programa de televisión" e que as difundiu sen confirmar.

asunta_imprensa
photo_camera Titulares tirados da imprensa [SG]


O programa de variedades 'Espejo público', que se emite polas mañás na canle de televisión privada española Antena 3, difundiu esta cuarta feira 9 de outubro unha "exclusiva" a respeito da morte de Asunta Basterra que deseguida foi portada de practicamente todos os medios de comunicación.

Segundo contaron, citando "fontes da investigación", na camisola que levaba posta acharan "restos de seme" que non corresponderían a ningunha das persoas detidas até o de agora, é dicir, non eran do pai da pequena. A nova correu pola rede como todas as relacionadas con este caso.

Na Galiza, La Voz de Galicia difundiu unha ampla nova en que viña a dicir que a nai e o pai de Asunta Basterra se esforzaran en aparentar que eran unha "familia perfecta", falando dos seus empregos e do seu nível económico, así como de que a pequena era "guapa" e con "altas cualidades". 

No mesmo texto daban conta das manchas atopadas na camisola: "de seme" e sen coincidir con ningunha das persoas detidas por este caso. Ía máis aló o xornal e especulaba con que puideran proceder dun local de alterne ubicado nas inmediacións da pista forestal de Teo onde foi localizado o corpo da rapaza. 

Porén, todos estes dados foron substituídos da páxina web do diario por unha nova información: "Restos biolóxicos na camisola de Asunta engaden máis incerteza". Segundo conta agora La Voz, o laboratorio de criminalística non determinou aínda de onde proveñen as manchas localizadas na prenda e a nova errónea que publicada na cuarta feira debeuse a que "un programa de televisión anunciou que as manchas achadas na roupa da nena eran de seme" e entón "desde outros medios deuse por boa esa información, que non foi confirmada".

Non só non foi confirmada, senón que foi desmentida. Perante a repercusión mediática acadada polas especulacións de Antena 3, o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza viuse na obriga de emitir un comunicado de imprensa en que recalcou que "o laboratorio de criminalística non dispón aínda de resultados a respeito dos fluxos achados na roupa da vítima nin noutros relacionados co crime. É dicir, descoñécese a orixe destes restos". 

Aliás, acrecentou o TSXG un segundo punto onde subliñou que "após contrastar as primeiras análises recibidas polo xulgado de instrución nº2 de Santiago, comprobouse que os resultados non eran concluíntes". Cómpre sinalar que tanto o Colexio profesional de xornalistas de Galiza como a Facultade de Ciencias da Comunicación da USC emitiron senllos pronunciamentos en que rexeitan o tratamento sensacionalista que se lle está a dispensar á morte de Asunta Basterra, primando a venda de exemplares sobre a calidade e a veracidade das informacións.

O "seme" que "non é do pai" 

O diario El Mundo aínda mantén na súa capa esta quinta feira o titular "Achan restos de seme na camisola que vestía Asunta o día da súa morte" e aclara nun cabezallo que "Non son do pai".

La Vanguardia mudou nas últimas horas o seu titular. Inicialmente colocaron "Os investigadores achan restos de seme na camisola de Asunta Basterra" para despois aclarar que isto é así "segundo 'Espejo Público'". 

Cuatro tamén se fixo eco da "exclusiva" do programa de Antena 3. No seu programa 'Las mañanas de Cuatro' informaron de que "Segundo a policía, a camisola tiña restos de seme e o ADN non é do pai". A mesma información publicárona outros medios españois como ABC e a propia televisión pública, TVE

Comentarios