O xuíz non ordenou ningunha detención vinculada ao sinistro, aclara o TSXG

O gabinete de comunicación do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza emitiu un comunicado para esclarecer que non se ordenara ningunha detención e para informar de que o xuíz encarregado da investigación do sinistro non vai facer pública a listaxe de persoas falecidas.

O ABC titula con grande grosor tipográfico, na súa edición dixital, que o xuíz ordenara a detención do maquinista en relación co sinistro ferroviário producido onte no acceso á estación de camiños de ferro de Santiago.

O Tribunal Superior de Xustiza de Galiza, nun comunicado emitido por volta das 21 horas, desmentiu esta información.

Así, baixo o epígrafe de "Esclarecimentos", e nunha nota redixida en español, como todas as comunicacións remitidas polo TSXG á imprensa hoxe, o Tribunal afirma: ·"O xuíz de Instrución número 3 de Santiago NON [en maiúscula no orixinal] ordenou detención ningunha".

No mesmo comunicado, o TSXG engade que "o xulgado NON vai facer pública a listaxe de falecidos, como se leva dicendo desde primeira hora do día".

Nunha información anterior, o TSXG xa indicara que o maquinista fora imputado (o que xuridicamente non significa que vaia ser necesariamente procesado), pero que en ningún caso fora posta a disposición da xustiza.

Comentarios