TSGX aplica o criterio do TXUE e recoñece o dereito do profesorado interino a cobrar sexenios

A máxima institución xudicial galega falla a favor da CIG-Ensino e obriga á Consellaría de Educación a recoñecer a igualdade retributiva do persoal interino. Asemade cárgalle á Xunta os custos do xuízo.

Após un conflito xudicial que decorreu durante máis dun ano, o persoal interino de Educación percibirá os sexenios correspondentes cos últimos 5 anos traballados. A CIG-Ensino, que denunciara en diversas instancias xudiciais á Xunta por estabelecer diferenzas salariais discriminatorias entre persoal de carreira e interino, vén de facer público que o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza obriga á administración galega a equiparar as retribucións salariais de ambas as dúas categorías ao tempo que exixe á Xunta correr cos custos do proceso xudicial. O TSXG acompaña así a xurisprudencia estabelecida polo Tribunal de Xustiza da Unión Europea.

A sentenza ditada polo Superior de Galiza dá a razón á central sindical nacionalista e súmase aos fallos doutras instancias xudiciais verbo da equidade salarial entre o persoal interino e de carreira que, no entanto, a administración galega se negou en múltiples ocasións a executar. Porén, o último pronunciamento obrigará á Xunta a cumprir coa legalidade vixente e mesmo a correr cos custos derivados do proceso xudicial, "deixando en evidencia as decisións arbitrarias e discriminatorias da Xunta", enfatizan desde a CIG-Ensino.

Neste senso, desde a central sindical salientan que estarán "vixilantes para que realmente se lle recoñeza ao persoal interino o pagamento dos sexenios, incluídos aqueles aos que poidan ter dereito durante os 5 últimos anos", de acordo co fixado na sentenza do TSXG. Aliás, subliñan estaren "moi satisfeit@s" por teren conseguido "a igualdade retributiva do persoal docente interino" malia a resistencia do executivo galego.

Comentarios