O Tribunal Supremo tomba o PXOM de Vigo sete anos despois da súa entrada en vigor

Considera que houbo deficiencias no trámite ambiental feito pola Xunta. Fica no ar a legalidade das licenzas concedidas nestes sete anos de vixencia.

Casa_do_concello_de_Vigo,_Galiza

O Tribunal Supremo anula o Plan xeral de Vigo sete anos despois da súa entrada en vigor, unha sentenza que deixa en suspenso a legalidade das licenzas concedidas durante todos estes anos e paralizando a concesión de novas até que se legalice o novo documento. O Supremo considera que a Xunta incumpríu o trámite de avaliación ambiental e declara “radicalmente nulo” o documento. Con esta decisión, o TS tomba a resolución do Tribunal superior de Xustiza de Galiza que si que avalara o procedemento perante o recurso presentado por 'Alternativa veciñal'.

O Supremo considera que a deficiencia no procedemento implica que os acordos de aprobación do PXOM deben declararse “radicalmente nulos”. Fican no ar proxectos como a ampliación de Balaídos ou o do Barrio do Cura, entre outros.

Este PXOM de Vigo resistira case un centenar de sentenzas xudiciais, que sempre lle foran favorábeis.Entre outras cuestións, o plan establecía que a vivenda protexida pasaría de ser un 22% a ser un 43% do total das novas edificacións, e recibira case 60.000 alegacións.

A Xunta déralle o visto e prace ao plan en 2008, con María Xosé Caride á fronte da Consellería de Política Territorial. A socialista é agora concelleira no grupo de goberno de Abel Caballero. A aprobación definitiva producíase un ano despois, xa con Agustín Hernández á fonte do departamento. 

Comentarios