Tres días de xullo para saber implicar no proceso de normalización

Acadar unha maior implicación no proceso de normalización lingüística é o obxectivo do curso de verán que a Universidade da Coruña máis a CTNL organizan os días 17,18 e 19 de xullo en Carballo con especialistas de Cataluña, Madrid, O Salvador, Euskadi e Galiza. 

Animar o proceso de normalización lingüística coa implicación en procesos e proxectos sociais é o fin do curso que do 17 ao 19 de xullo organizan a Coordinadora de Traballadores e Traballadoras de Normalización Lingüística xunto coa Universidade da Coruña e o  Concello de Carballo. Especialistas e representantes de distintas iniciativas que contribúen á normalización da lingua danse cita nun programa especialmente acaído para activistas, responsábeis de asociacións, entidades e colectivos ou equipos de normalización. 

Os temas que o curso ofrece van desde as posibilidades de afondar na democracia implicativa, a posta en marcha de iniciativas de dinamización, as potencialidades do xogo para a implicación e o que presentan como o paso de “as portas están abertas” a “este proxecto é teu”. 

Convidada a participar no curso está a arquitecta salvadoreña Alicia Tence, da Rede Cimas, que será a encargada da conferencia inaugural sobre métodos e estratexias de implicación. Experiencias como Sonda Norte, con Xavier Campos, Rede de Entidades Amigas da Lingua, por medio de Conchi Cochón, a Asociación Galega do Xogo Popular e Tradicional, a través de Paco Veiga ou Implicadas no Desenvolvemento coa súa presidenta Ania Piñeiro danse cita para dar conta das posibilidades da dinamización social xunto co contador Celso F. Sanmartín o dinamizador en material de lingua Bernardo Penabade ou o crego Rubén Aramburu. 

De Euskal Herria chegará o técnico da cooperativa vasca Emun, Txerra Rodríguezz para falar da immplicación no traballo dinamizador e de Madrid, o coach Carlos Martínez que presentará as posibilidades do “xogo serio”. 

Trátase da novena edición do cursode verán sobre dinamización lingüística e leva como lema "Traballando na lingua: participación, implicación e traballo colaborativo". 

O prazo de matrícula está aberto ata o 11 de xullo na web da Universidade da Coruña. 

Comentarios