Traxedia de Angrois: a responsabilidade que o xuíz atribúe ao Estado no nº61

O xuíz instrutor dos Xulgados de Compostela emitiu esta semana un auto xudicial en que responsabiliza o Estado español por non ter adoptado as debidas medidas de seguridade no traxecto do Alvia sinistrado. As 11 páxinas do auto debullámolas no número desta semana. Xa á venda na nosa loxa

O pasamento de Rosalía Mera (co-fundadora do imperio téxtil Inditex e unha das súas accionistas maioritarias) provocou nos medios unha fervenza de aplausos á súa vida e ao recoñecíbel labor social desenvolvido a través da Fundación Pandeia Galiza. Nas páxinas de política do Sermos Galiza abordamos as sombras entre as luces de Rosalía Mera e o espazo baleiro que deixou a unanimidade mediática da imprensa maioritaria. SICAV's, explotación laboral e algunhas outras cuestións arredor de como Mera se apropiou da súa fortuna. 

Na sección de Traballo conversamos con José Luis Pareja, voceiro dos bombeiros de parques privados. A piques de iniciaren unha folga indefinida contra a perda de dereitos laborais e o modelo de xestión privada imposto pola Xunta,José Luis é taxativo ao recoñecer que en non poucas ocasións se ven "obrigados a cometer neglixencias" por mor da falta de recursos. 

Nas páxinas de Social achegámosvos aos mercados ecolóxicos que están a agromar nas vilas e cidades galegas. Da man de tres proxectos que pulan por un outro modelo de consumo --sostíbel, xusto, directo, local e solidario-- recuperamos unha das tradicións da cultura popular galega: as feiras. Iso si, dunha maneira ben distinta. 

En Deportes, abordamos o comezo da Liga en primeira e segunda. Revisamos os partidos do Celta e do Depor e botamos unha ollada aos vindeiros encontros das equipas galegas. 

Na sección de Cultura achegámosvos unha conversa inédita cun premio Camões, Mia Couto. Este moçambicano visa ser un "pequeno instrumento" para pór nome e rostro ao seu país. Sobre Moçambique, o seu traballo e a realidade europea debruzámonos nunha extensa e interesante entrevista. 

Publicamos unha entrevista inédita co premio Camões, Mia Couto

Coma cada semana, a Axenda Cultural e o Andar na Terra tráennos multitude de posibilidades para pasarmos a fin de semana ou o que resta de vacacións --para quen aínda teña-- Mais tamén vos propomos achegarvos ao I Festival de música clásica contemporánea que a Fundación Roxelio Groba organiza do 23 ao 31 de agosto en Ponteareas. 

Todos estes contidos e moito máis coma cada quinta feira, nas librarías e quiosques do país. Mais para aquelas subscritoras-es que non poidan agardar, xa está disponíbel na nosa loxa virtual

Comentarios