Traxedia de Angrois: o BNG acusa o Adif de tentar obstruír a acción da xustiza

A decisión do Adif de enviar ao xuíz Aláez a relación de responsábeis de seguranza que tivo a empresa nos últimos 14 anos "só se pode entender como un intento de obstruír a acción da xustiza e de eludir a asunción de responsabilidades".

Tren, angrois, accidente
photo_camera Tren, angrois, accidente

Nestes termos pronunciouse este domingo, nunha entrevista coa cadea SER, o portavoz do BNG no Parlamento galego, Francisco Jorquera.

O parlamentar frentista cualificou a atitude do ADIF -imputada polo xuíz Aláez como presunto responsábel dunha "imprudencia puníbel- de "tomadura de pelo". [O maxistrado pediu a ADIF que identificase os responsábeis de seguranza da empresa, que terían omitido as máis elementais cautelas para prevenir os riscos. A ADIF, no canto, de os identificar, optou por enviar a relación de todos os técnicos que nesa materia traballaron para a empresa desde hai 14 anos]

Jorquera defendeu que se constitúan senllas comisións de investigación quer no Congreso quer no Parlamento galego visando a depuración das responsabilidades políticas que decorran da traxedia de Angrois, o máis grave sinistro terrestre da historia moderna de Galiza, con 79 vítimas mortais.

Salientou aínda o portavoz nacionalista que "desde o primeiro momento" o PP, que detenta o goberno na Galiza e no Estado, estivo tentando "eludir" a súa responsabilidade no canto de impulsar unha "investigación a fondo". Esa investigación existirá "se hai presión social e política", dixo.

LUMES E CASO BÁRCENAS

A entrevista debruzouse tamén sobre outras cuestións da actualidade: o caso Bárcenas e os incendios que asolan Galiza.

A respeito dos lumes, Jorquera acusou o Goberno galego de ser corresponsábel do que está a acontecer coa súa "política irresponsábel de recortes brutais" en materia de prevención dos incendios.

Verbo de Bárcenas, o portavoz nacionalista xulga que Feijóo ten pendente oferecer "explicacións claras" no Parlamento que esclarezan "o pretenso financiamento irregular" do seu partido. Do contrario, enfatiza, teria de apresentar "a súa demisión irrevogábel".

Comentarios