Traxedia de Angrois: Baltasar Garzón recorre o auto de Aláez para que se impute tamén a Renfe

O ex xuíz da Audiencia Nacional é o avogado dunha das familias vítimas da traxedia. Quer que se investigue quen tomou a decisión de non instalar o sistema ERTMS na curva de A Grandeira, segundo avanza hoxe La Voz de Galicia.

Tren, angrois
photo_camera Tren, angrois

O xuíz Aláez, instrutor do caso, estendeu a imputación, alén do maquinista, aos responsábeis dos sistemas de seguranza de ADIF por teren pretensamente incorrido nunha "imprudencia puníbel" ao ter omitido a adopción de medidas de seguranza (basicamente unha sinalización adecuada a suficiente distancia da curva en que se produciu o sinistro).

Aláez optou por non entrar a dilucidar responsabilidades políticas por considerar que estas deben ser estabelecidas nos foros parlamentares e no seu momento, e a petición de Garzón, rexeitou realizar unha dilixencia de proba (unha investigación) arredor de como se produciu o proceso de toma de decisións que levou a que o comboio non puidese dispor do sistema de seguranza máis avanzado, o ERTMS.

Garzón, de acordo con "deixar a política a un lado, mais non a posíbel responsabilidade do Estado"

Garzón discrepa con esta posición e presenta un recurso parcial de reforma ao auto do xuíz. "Non hai procura de reproche político detrás da solicitude das dilixencias cuxa denegación agora ocorre, senón a procura da verdade e a protección ás vítimas por enriba de todo", afirma o ex xuíz da Audiencia Nacional, quen esclarece que "no presente procedimento, e como non pode ser doutro xeito se debe deixar a política a un lado, mais non a posíbel responsabilidade do Estado".

Para Garzón, é moi relevante investigar quen tomou a decisión de non instalar o sistema de seguranza ERTMS na curva de A Grandeira. No seu día o PP acusou o PSOE de ser politicamente responsábel desa decisión (en concreto, o ex ministro Blanco). Previamente, os socialistas acusaron os populares de seren os responsábeis do mantimento da curva de A Grandeira, residuo do trazado inaugurado nos anos 40 do pasado século, na liña de suposta alta velocidade Ourense-Santiago.

En definitiva, con este recurso parcial de reforma ao auto do xuíz formúlase a petición de que se impute a Renfe, e máis en concreto ao técnico autor do libro horario e do cadro de velocidades do traxecto en que se produciu a catástrofe, a máis grave terrestre da historia moderna de Galiza, saldada con 79 vítimas mortais.

Comentarios