Uns 500 tractores reclaman en Arzúa futuro para o sector lácteo

Perto de 500 tractores e unha manifestación dunhas mil persoas exixen en Arzúa futuro para o sector lácteo.

tractores

Pasaba pouco das once da mañá cando os primeiros tractores saían de Arzúa en dirección a Melide. Sobre as 14:30 chegaban de Melide os primeiros tractores que abrían a marcha para unha manifestación en que participaron unhas mil persoas e que percorreu parte da vila para rematar diante do Concello. Representantes políticos dos concellos da comarca; algúns alcaldes na cabeceira xunto a representantes sindicais. Lectura dun manifesto en que se reivindicou o dereito a producir a prezos xustos e o queixo de Arzúa como un dos produtos de calidade incuestionábel que é necesario reivindicar. O comercio fechado desde as 12, mais tamén algunhas oficinas. E moitos romeiros a perguntar a razón da tractorada.

A manifestación finalizou antes de que chegase a totalidade dos tractores procedentes de Melide. Entre os alcaldes o de Boimorto, Xosé Luís Rivas, Mini, fixo o percorrido cos tractores; outros estiveron na pancarta de cabeceira.

A mobilización prodúcese despois de que o pasado día 6, a tractorada chegara a Chantada co mesmo obxectivo de reclamar prezos xustos para o leite. O vindeiro 12 de agosto, os tarctores dirixiranse a Lalín, nunha máis das manifestacóns convocadas para esixir futuro para o sector do leite. 

Comentarios