Traballador@s do concello de Compostela exixen a demisión de Adrián Varela pola "persecución política" destapada na Pokémon

Representantes sindicais da CIG, dos órganos de representación e do comité de empresa do Concello de Compostela exixiron esta sexta feira ás portas do Pazo de Raxoi a demisión do conxunto da corporación municipal e máis, no concreto, do concelleiro Adrián Varela.

Após erguerse de maneira parcial o segredo de sumario da Operación Pokemon, foron feitas públicas as declaracións nas que o responsábel da área de Deportes amosaba a súa incomodidade cara á unha das traballadoras municipais por ser compañeira dun sindicalista da CIG. Neste senso, Varela exixiu a Vendex que a despedira porque, dixo, "nos está tocando los huevos" --segundo a conversa recollida no sumario. 

@s representantes sindicais fixeron brincadeira das afirmacións do concelleiro e portaron na concentración decorrida esta mañá cartaces en que se podía ler "Adrián: somos sindicalistas e vimos tocarche as pelotas". Desde a central sindical nacionalista denuncian a "represión" á que están sometid@s @s sindicalistas da CIG no concello de Compostela e mesmo anunciaron que demandarían pola vía do penal ao concelleiro de Deportes no que coidan é un exemplo de "persecución sindical". Aliás, exixen que Adrián Varela abandone de maneira inmediata o cargo xunto coas demais persoas (11 en total) imputadas no proceso xudicial aberto. 

Haberá máis mobilizacións e chaman á cidadanía a tomar parte

"Ao persoal municipal chóvelle sobre mollado", afirmou Xabier Picón (CIG) ás portas da casa consistorial, ao tempo que recoñeceu que "a xente está un pouco queimada" razón pola que, entende, non se tiver desenvolvido un paro entre o persoal do concello. Porén, acrecentou, "imos seguir mobilizándonos" pois, afirmou, "se coa que está a caer a xente non se mobiliza, temos o que merecemos". 

Neste senso, desde o comité de empresa e os órganos de representación d@s traballadores e traballadoras locais lanzan un chamamento á cidadanía para que exixa a demisión da corporación municipal. "A cidadanía debe darse conta", apuntan, "de que estes non son uns representantes dignos e que deben abandonar todas as actividades relacionadas coa xestión pública". 

Ás demandas das traballadoras e traballadores sumáronse representantes institucionais e orgánicos do Bloque Nacionalista Galego. A parlamentar Ana Pontón, os edís Rafael Vilar e Rubén Cela, xunto co portavoz nacional da organización frontista tomaron parte da concentración perante o Pazo de Raxoi para amosáren o seu apoio ás reclamacións d@s empregad@s públic@s. Xavier Vence demandou a "demisión" de Adrián Varela porque, subliñou, "dedícase a perseguir os traballadores que non lle son afíns" unha "persecución política" que o voceiro nacionalista cualificou de "indigna" polo que defenden, "todos os cargos públicos imputados" deben "render conta á cidadanía e devolver a dignidade ás institucións" presentando a súa demisión. 

 

Comentarios