Todos os focos postos no Parlament: a soberanía a debate

Non vai máis. Esta mañá o Parlament (apartir das 10 horas) submete a votación a Declaración de Soberanía pactada por CiU, ERC e ICV-Els Verds. A tensión reborda. Á fenda aberta en CiU únese agora a tensión que ameaza con esgazar o grupo parlamentar do PSC.

A Declaración de Soberanía está a rachar coas costuras da política catalá. Xa nada será o mesmo. Pasou a historia a Convergència pactista con Madrid. O PSC atravesa unha seria crise de identidade, que mesmo ten producido unha escisión, a que lidera Ernest Maragall. O sector máis dereitista de CiU, Unió, vinculado ao Opus Dei, formula mesmo ameazas de liquidación da federación. A CUP, a nova sensación no Parlament, incorpora ao debate unha novidade: Catalunya independente, si, mais fóra da UE. Unha achega até surprendente nun país tradicionalmente tido por proUE.

En principio, todo apunta a que a Declaración de Soberanía recibirá os votos favorábeis de CiU, ERC, ICV-Els Verds e os 3 da CUP, que visten o voto como crítico. Mais nen sequera é seguro que non haxa quen rache a disciplina de voto no bloco gobernante, tal podería ser a tentación na que caíse Unió. O que vaia votar o PSC decidirase nunha reunión de urxencia previa ao Pleno logo de non chegar onte a un acordo após unha maratoniana reunión de 4 horas.

O debate en todo caso trascende Catalunya. A soberanía ábrese paso. Un auténtico torpedo contra os esteos que alicerzan o réxime edificado coa Constitución de 1978.

Comentarios