A oposición rexeita que o PP empregue o "terrorismo" como cortina de fume fronte á corrupción

Após a detención de Hadrián Mosqueira, Senlheiro, a formación conservadora anunciou a súa intención de levar ao Parlamento unha declaración institucional "contra o terrorismo en xeral e Resistencia Galega en particular"
Parlamento galego


Todas as forzas políticas con representación parlamentar consideran que o PP está a empregar o "terrorismo" na Galiza como unha "cortina de fume" para tapar os casos de corrupción cos cales se atopa vinculada a formación conservadora.

Após a detención a comezos de xaneiro de Hadrián Mosqueira, Senlheiro, a quen o Ministerio de Interior vincula coa organización Resistencia Galega, o partido do Goberno enviou un comunicado de imprensa en que anunciaba que levaría ao Parlamento unha declaración institucional "en contra do terrorismo en xeral e de Resistencia Galega en particular".

Porén, a pretensión do PP foi refutada xa esta terza feira na xunta de portavoces pol@s representantes de PSOE, AGE e BNG, antes de chegar ao pleno da Cámara galega. Así as cousas, o voceiro do grupo parlamentar de AGE, Xosé Manuel Beiras, asegurou que o PP "non ten lexitimidade moral" para impulsar esta declaracións institucional, lembrando o boicote que este partido impulsou en contra da condena ao franquismo.

"Están a pedir a condena do inexistente. É unha coacción psicolóxica sobre os grupos políticos que non estamos pola labor de montar cortinas de fume. Non permitimos chantaxes", espetou Beiras. O seu homólogo no PP, Pedro Puy, respondeu que o seu era "un partido democrático que sufriu o terrorismo nas súas propias carnes".

Pola súa banda, o viceportavoz do BNG Carlos Aymerich, que susbtituíu a Francisco Jorquera, meteu o dedo na chaga da formación conservadora e acusouna de querer "magnificar un problema que non existe na Galiza" para agochar "a polémica sobre a súa contabilidade en b".

"Chama a atención que xusto agora que se fala de sobres voadores o PP considere necesaria unha declaración sobre o terrorismo na Galiza, xustamente cando en Euskal Herría "se está a superar este problema" e tomando en consideración que non é esta unha cuestión que preocupe á cidadanía do País, como si o son, subliñou, "o desemprego, os suicidios por desafiuzamentos e os casos de corrupción en que o PP está metido até as orellas".

Na mesma liña pronunciouse o voceiro do grupo socialista, Abel Losada, quen en resposta a Pedro Puy lembrou que tamén este partido "condenou e sufriu historicamente o terrorismo" e insistíu en que fora cun goberno do PSOE "cando ETA acabou coa súa actividade". Con todo, considerou que a oportunidade da declaración institucional que propón o PP é "unha coartada para desviar a atención" do "posíbel financiamento ilegal" deste partido ou das "contratacións masivas" na Deputación de Ourense.

Comentarios