A terra queimada acende o Parlamento no debate sobre o sector lácteo 

Terra queimada foi o que a deputada do BNG, Tereixa Paz, entregou á conselleira de Medio Rural Rosa Quintana como metáfora das súas políticas de abandono do rural. A oposición reclama situar o leite na axenda do goberno. 

terraqueimada
photo_camera Paz entrega terra queimada a Quintana

Coa axenda de mobilizacións do sector como pano de fondo, a loita polo sector lácteo volveu a un dos plenos do Parlamento máis tensos que se lembran que tampouco calmou cando o debate xirou arredor do leite. A acusación de inacción á política capitaneada por Rosa Quintana foi a tónica dun debate no que en máis dunha ocasión se mirou para o goberno francés, que ven de impoñer unha subida do prezo do leite. Pola contra, ela defendeuse presentando unha serie de medidas que, segundo dixo non as "inventara" na víspera nin o día no que os tractores "saíron pasear por Santa Comba". 

Pola contra, a explicación da conselleira de Medio Rural, Rosa Quintana, mesmo a súa intención de tirar relevancia ás mobilizacións do sector da produción de leite non serviron para acalar unha oposición que responsabilizou ao goberno da Xunta da situación. O momento máis tenso foi cando a deputada do BNG, Tereixa Paz, entregou a Rosa Quintana “terra queimada”, á maneira de metáfora das políticas de abandono do rural por parte da Xunta. “Son políticas de terra queimada tamén para o sector lácteo”, sinalou a parlamentaria para quen, o propio presidente da Xunta tiña que dar explicacións na cámara nun momento no que a situación do sector é, ao seu ver, “crítica e dramática”. 

“Vostede non pinta nada no sector lácteo”, espetoulle a deputada nacionalista á conselleira, ao lamentar que o goberno da  renunciara hai seis anos a ditar a política láctea no estado. Acusouna tamén de desoír o sector no que cualificou como problema de país que tería que estar en lugar privilexiado na axenda de Feijóo. A Xunta, segundo dixo, de querer amañar a cuestión tiña que chantarse en Madrid para esixir solucións para as 2.500 explotacións que están a cobrar entre 21 e 22 céntimos por litro e para as que, para ela, non valen as medidas presentadas pola conselleira. “O Goberno francés acaba de subir o prezo do leite e vostede debe engancharse a ese acordo para defender aos produtores/as galegos, en troques de apoiar ás grandes empresas e acusar ao franceses de pactar os prezos”, dixo mentres reclamaba medidas eficaces “urxentes” contra o perigo de extinción do sector. 

Brazos cruzados

O deputado de Alternativa Galega de Esquerda, Antón Sánchez afondou nas críticas ao goberno da Xunta polo abandono do rural e, en concreto de gandeiros e gandeiras do país que están a atravesar un momento crítico. “As mobilizacións serven para que vostedes se enteren de que hai un problema”, criticou, despois de que a conselleira cuestionara as manifestacións do sector da produción do leite. Sánchez lamentou non ver medidas de acción por parte do goberno e cuestionou a existencia dun modelo lácteo. 

Desde as filas do PsdG-PSOE, Pablo García falou dun goberno cos “brazos cruzados”, sen estratexia para solucionar os graves problemas que afectan ao sector lácteo, fronte ao goberno Francés que volveu pairar sobre a cámara como exemplo dunha acción contundente para frear a baixada dos prezos do leite. 

Comentarios