Tempo de Galiza no debate no Estado

É un uso do parlamentarismo español que no debate bipartidista Galiza non exista. Rajoy pronunciou onte o nome de varias comunidades autónomas, mas non o daquela da que é orixinario. O tempo de Galiza no debate do Estado chega esta quinta feira, da man de Olaia Fernández Davila (BNG), que se estrea como portavoz nacionalista no Congreso no compromiso máis mediático do curso político. Rubalcaba tampouco pronunciou a palabra Galiza.

Como todo en el é previsíbel, é moi probábel que Rajoy bote man da recente vitoria de Feijóo nas urnas para lexitimar a súa política a respeito de Galiza e para apresentar o seu proxecto como o que ten o maior apoio social na nosa nación. Fuxirá dos compromisos concretos e non sería de estrañar que colocase a Feijóo no trinque, como campión da política da austeridade.

A portavoz do BNG despregará un discurso moi crítico co Goberno Rajoy en dous planos complementares. O da política económica e o da política territorial. Na primeira, Olaia Fernández Davila exixirá un cambio de rumbo ante o agravamento da crise e a carreira desbocada do paro. Na segunda, a deputada nacionalista oporá a proposta soberanista do BNG á ofensiva recentralizadora que se promove desde a Moncloa.

Rajoy será interpelado por Davila sobre a situación concreta dos sectores produtivos de Galiza -do dique flotante ao sector lácteo ou o pesqueiro-, gravemente afectados por decisións políticas que se adoptan en Madrid ou en Bruxelas co respaldo do goberno español.

Está previsto que a intervención da portavoz do BNG se produza arredor das 10.30 horas, despois de que previamente tomasen a palabra os portavoces de PNV, Amaiur e ERC. A sesión comezará ás 9 horas.

Á conclusión do debate os distintos grupos formularán as súas propostas de resolución

Comentarios