Suso de Toro: “Apoio o BNG para defender a existencia política de Galiza"

Suso de Toro é un dos vogais do novo padroado da Fundación Galiza Sempre. Pouca xente coñecía o proceso que levou ao escritor a tomar parte organicamente na Fundación do BNG, un paso que explica como froito dunha profunda reflexión que o conduciu a apoiar a “organización política galega que non é sucursalista”. 

Suso de Toro
photo_camera Suso de Toro

-A moita xente sorprendeulle velo como vogal do padroado da Fundación Galiza Sempre. 

O meu posicionamento responde a unha análise do proceso político en España e na Galiza. No ámbito galego déronse acontecementos como a perda do goberno bipartito e o regreso do PP á Xunta, o que produce un balance demoledor para o país. A época de Feijóo é un desastre en todos os planos, social, económico, político e cultural e supón ademais o baleirado da Autonomía, é dicir, a redución do autogoberno galego á xestión dun presuposto. Feijóo ensaia o mesmo que executaron os gobernos de Madrid e Valencia. Vemos como pretende perpetuar a situación de dominio do PP, facerse dono de Galiza a través da imputación do Parlamento, reducíndoo ao mínimo de maneira que poidan privatizar o país enteiro, facelo propiedade súa. Por outra banda, o proceso político español fica claro cando o Tribunal Constitucional lle pecha o paso ao recoñecemento nacional dos cataláns. Négallo cun Estatut aprobado polas Cortes. A época de Zapatero foi tempo de oportunidades democráticas até que chegou a crise. Considero que había que apoiala e fixeron ben os grupos parlamentares, incluído o BNG en, directa ou indirectamente, apoiar os orzamentos e a investidura. O balance do goberno do PP é a recentralización, a privatización do Tribunal Constitucional, que tamén é deles, e o auxe do nacionalismo español. Nesta situación na que vive un trance histórico que pode conducir á desaparición política, neste momento de emerxencia, compre revalidar a existencia política de Galiza e iso deféndese só con organizacións propias. Isto explica o meu apoio ao BNG. 

"Nesta situación na que vive un trance histórico que pode conducir á desaparición política, neste momento de emerxencia, compre revalidar a existencia política de Galiza" 

-Pasa a formar parte parte do padroado da Fundación do BNG. É dicir, xa non é que opine ou apoie, é que se incorpora, por que decide dar ese paso?

Neste momento hai unha xeración que non estaba politizada mais debido á situación de crise está buscando formas de expresar as súas reivindicacións e mostran desconfianza nos partidos políticos. Algúns porque formaron parte do poder, como o PP e o PSOE e outros por estar relacionados con xeracións anteriores. Igual que os xornais en papel hoxe en día  teñen unha media de idade alta nos seus lectores, tamén acontece na identificación cidadá cos partidos. Non me cabe dúbida de que teño que apoiar neste momento unha organización política galega, a que non é sucursalista. 

-O BNG pasou unha etapa na que a noticia eran as persoas que marchaban. Como viviu ese proceso e en que medida influíu no seu paso adiante?

O momento que vivimos caracterízase por unha ofensiva tremenda dunha dereita que aplica o seu programa social de privatización e español. Calquera proposta social, cultural ou económica nacida no noso país está máis desvalida que nunca. Cando ocorreu ese proceso, a excisión, eu non formaba parte do BNG e non coñezo os detalles de quen marchou e quen entrou. Dentro do BNG deuse unha imposibilidade de convivir coas súas contradicións e iso incrementouse con actitudes dun personalismo destrutor. Os lideratos persoais teñen que servir ao colectivo. Eu acredito nas organizacións. No momento actual non podemos pedir que cada quen teña a súa organización que o represente na totalidade. Eu quero que sexa útil, soberana, que represente os nosos dereitos porque, sen iso, Galiza desaparecerá. Os matices, a subxectividade propia, a análise persoal só a representa cada quen. Compre apoiar organizacións existentes e a que nos representa nas Cortes españolas e no Parlamento Galego é o BNG. Teño tamén claro que o BNG actual ten que facer un esforzo para dirixirse con humildade e responsabilidade a todos os nacionalistas progresistas co fin de relanzar o diálogo. Para as eleccións europeas non estamos a tempo mais debera reconstruírse a unidade do nacionalismo para concorrer ás lexislativas e ás autonómicas. Se non hai personalismos, o reencontro tense que volver a dar. En todo caso, non teño dúbida algunha de que o meu papel é apoiar ao BNG. Tomo esta decisión coa mesma convicción moral coa que noutros momentos tomei outras. 

"Non me cabe dúbida de que teño que apoiar neste momento unha organización política galega, a que non é sucursalista". 

-Cando o BNG estaba no goberno vostede non fixo especial achegamento...

Naquel momento non me resultaba atractivo e non quero dicir con iso que non teña que asumir responsabilidade de goberno. O BNG sufriu un fortísimo ataque e grande hostilidade no seu tempo na Xunta. As áreas do PSOE e o BNG desenvolveron políticas que hai que reivindicar mais os medios de comunicación se esforzaron en desfacer a imaxe de todo aquilo. Mobiliceime para derrotar a Fraga, por un relevo político na Xunta que tiña que vir pola alianza do PSOE co BNG. Esa era entón a idea mais neste momento a situación é que existe unha dereita españolistas que pretende a desaparición política de Galiza. Estannos facendo volver a 1833 cando un goberno desfixo o Reino de Galiza e dividiuno en catro provincias españolas. 

-Acáelle entón o discurso soberanista que se está a impulsar desde o nacionalismo?

Galiza no século XX tiña recursos financeiros, capacidade para crear industria e case cerca de seis millóns de habitantes. Entramos no XXI con menos de tres millóns, perdemos recursos financeiros e estamos en situación de iniciar unha nova vaga migratoria de xeracións mozas. A conclusión é que a historia recente foi un desastre. O proceso conduciuse de ser un pobo vivo demograficamente a chegar a este fracaso económico e social. A dereita española anulou as posibilidades de autonomía. A única solución pasa por utilizar a nosa soberanía e os noso recursos. Para Galiza a dependencia foi a súa ruína. Aquí había recursos, non era necesario que emigrase tanta xente. Nós non eramos unha estepa sen posibilidades e iso compre lembrarllo á sociedade galega. A destrución foi sermos catro provincias sometidas a Madrid. Ten que haber unha reformulación do sistema institucional do Estado e Galiza ten que ter voz por si mesma, e só terá voz con organizacións propias. Se os partidos estatais defenden na Galiza os intereses galegos é precisamente porque existe o discurso do nacionalismo galego que reclama o dereito de autodeterminación e soberanía. Agora teño que estar con Galiza, pechar filas. Teño claro que se Galiza fose gobernada polo BNG todos estes anos a situación sería outra aínda que tamén é certo que o BNG tardou en ter madurez para mostrarse á sociedade como opción de goberno. 

"Para as eleccións europeas non estamos a tempo mais debera reconstruírse a unidade do nacionalismo para concorrer ás lexislativas e ás autonómicas. Se non hai personalismos, o reencontro tense que volver a dar". 

-Varios xornais de Catalunya recollen a súa opinión crítica coa posición do españolismo a respecto do seu proceso soberanista. 

Sempre admirei a dignidade cidadá que se dá en Catalunya. Desde moi novo tiven claro que o que precisaba o meu país era esa conciencia de cidadanía. Avanzan construíndo. España non é democrática mais a sociedade catalá si. É unha sociedade que debate, con moita diversidade, que é quen de pactar, de negociar e ter un entendemento colectivo, profundo, de seren unha nación. A prensa de Madrid foi a peor. Teño publicado en cabeceiras madrileñas artigos que defendían o recoñecemento das nacionalidades mais hoxe xa non é posíbel. O españolismo é descarnado e vai acompañado dunha desinformación absoluta. O que pide esa prensa é a ocupación militar de Catalunya e oculta aos seus lectores a existencia das nacións. España é Madrid, a corte, a oligarquía madrileña. Logo están os vascos e cataláns e aquí temos a Feijóo, un chico de provincias que responde a esa oligarquía madrileña. 

-Como cre que está a ser recibida esta posición súa no propio BNG?

Síntome a gusto, nun ambiente distendido. O meu labor é dicir o que penso. Considero que somos útiles si así o facemos. En cada etapa da miña vida procurei ser leal. 

-A súa volta ao ensino e o abandono da aposta por ser escritor profesional dálle máis liberdade para se comprometer tamén politicamente?

A miña sorte profesional tamén estivo mediatizada pola miña incapacidade para ficar calado. O que me dá máis liberdade é a idade por unha banda e, pola outra, que o outro é un camiño que xa morreu, o do autor que se dedicaba a escribir. Agora son profesor, funcionario, e iso dáche certa comodidade, permite posicións máis radicais. Xa non teño nada que perder. O prezo que tiña que pagar xa o paguei. Son consciente de que en España non teño nada que facer, xa o teño comprobado. Cando presentei o libro “Outra idea de España” hai uns sete anos en Madrid acudiu un único xornal que tardou quince días en sacar unha breve nota. O clima ideolóxico era xa dunha cerrazón absoluta. Sabía que era incómodo. Se mañá morrera, non me avergoñaría da vida que deixo atrás. Detrás de cada decisión que tomo hai un proceso de reflexión. Acredito naquilo que canta Paco Ibáñez: “tomar partido até mancharse”. 

Comentarios