Só en Compostela a facenda municipal deixa de recadar 200.000 euros pola exención do IBI á Igrexa

O BNG levará ao Congreso dos Deputados unha iniciativa que quere rematar cos privilexios fiscais de que goza a Igrexa Católica. Só en Compostela, de teren que pagar o IBI, a  facenda municipal ingresaría 200.000 euros cada ano.

Francisco Jorquera defenderá no Congreso dos Deputados unha iniciativa encamiñada a rematar cos privilexios fiscais da Igrexa Católica polo que o fisco deixa de cobrar o Imposto de Bens Inmóbeis de 7.691 propiedades que posúe na Galiza. 

O candidato á presidencia da Xunta presentou a iniciativa xunto coa voceira parlamentaria Ana Pontón e mais o grupo municipal da capital galega, cidade que deixa de recadar 200.000 euros ao ano pola exención do imposto.
Explicou o deputado que, ao seu ver, “é xustificable a exención do IBI se se tratar de bens inmobles destinados ao culto relixioso, como é o caso da catedral de Santiago, ou se tiveren usos sociais, caso dos comedores sociais, ou educativos, mais cremos que é totalmente inxustificábel esa exención cando afecta a bens inmobles con fins lucrativos, como por exemplo a hospedaría de San Martiño Pinario, pois iso ademais constitúe unha competencia desleal aos empresarios do sector hoteleiro, que si cumpren co pagamento dos seus impostos”. Puxo como exemplo a decisión tomada nun país como Italia, de grande influencia da Igrexa, en que terá que pagar o imposto polas propiedades a partir do ano próximo. Assegurou tamén que a maioría dos crentes “apoian esta petición e cren que é de xustiza e equidade social acabar cos privilexios fiscais das confesións relixiosas”.

No artigo “Reforma inaprazábel”, publicado no Sermos Galiza semanal, o voceiro do BNG en Compostela destaca ademais que, en tempos de recortes de servizos públicos básicos, a Igrexa “ disporá unha asignación de 13 millóns de euros mensuais para os seus gastos procedentes do IRPF”. Fai tamén referencia ás críticas efectuadas pola Comisión Europea a estes privilexios.

Comentarios