Sindicatos demandan a demisión de Rocío Mosquera mentres a Xunta pecha filas arredor da conselleira de Sanidade

Perante a reunión da Mesa sectorial de Sanidade, un cento de representantes sindicais exixiron a demisión da conselleira após coñecerse a sentenza do TSXG que condena o Sergas por "desviación de poder" cando ela era xerenta. 

demisión
photo_camera Imaxe; @XoanBouza

Para o TSXG o ascenso do marido de Rocío Mosquera cando esta era xerenta do Sergas incorreu nun delito de "desviación de poder". E é que segundo o tribunal o proceso de adxudicación desenvolvido foi "altamente cuestionábel" ao se "afastar de pautas obxectivas" na valoración do proxecto presentado por Manuel Bustamante. 

O ditame, anula pois a decisión adoptada pola mesa de contratación e exixe que esta se repita sen que tome parte da mesa ningunha das persoas con presenza no proceso anterior. 

O acontecido, ocorreu en 2010. Naquela altura, a actual conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, era xerenta do Sergar e o seu compañeiro resultou ascendido a xefe de cirurxía no CHUS. Unha coincidencia que desde os grupos da oposición tildan de "nepotismo" e "abuso de poder". Así é que reclaman a demisión de Mosquera. Unhas demandas ás que se sumarone esta sexta feira, un cento de representantes sindicais perante a xuntanza da Mesa sectorial da sanidade que se desenvolveu en San Caetano. 

Ao berro de "Mosquera demite, o Sergas non te admite", as centrais sindicais CIG, CC.OO., UGT, CESM, O'Mega, CSI-F e SAE @s manifestantes denunciaron, tamén, as políticas de privatización da Xunta. Porén, o presidente do goberno galego fixo ouvidos xordos das demandas pronunciadas polas forzas da oposición e os sindicatos e declinou responsabilidades nunha cuestión que, dixo, atinxe "un proceso interno" do CHUS. 

No entanto, Alberto Núñez Feijóo asegurou que --ao contrario do proclamado polo TSXG-- no proceso de adxudicación da praza non houbo "privilexios nen prexuízos" e menos aínda, nepotismo. 

Embora o líder da Xunta asegurou que estaba a favor de dar cumprimento á sentenza xudicial, rexeitou que a conselleira de Sanidade presente a súa demisión porque dixo, quen naquela altura foi avaliado pola mesa de adxuficación "era familiar dun membro do goberno cando este aínda non era membro do goberno". Porén, cumpre subliñar, si era xerenta do Sergas, un alto cargo nomeado polo executivo. 

Comentarios