"O sistema de freado convencional permite circular nese tramo até a 200km/h; a redución até os 80km/h depende do factor humano"

O maquinista Manuel Mato confirma nunha entrevista na SER que o 'punto negro' da curva de Angrois carece da sinalización de alta velocidade que reduciría automaticamente o tren. Afirmou que se os sinais de seguridade indican "vía libre" o tren permitiría circular tamén nesa zona a 200 quilómetros por hora. Con todo, ao haber unha limitación de 80km/h, a redución "depende só do factor humano"


O maquinista, que coñece e realizou a liña na que aconteceu o sinistro, confirmou que a sinalización de alta velocidade remata catro quilómetros antes do lugar do sinistro. “A sinalización de alta velocidade é como unha condución automática ao ir recurtando o propio tren as velocidades máximas" fixadas en cada tramo de vía, non permitindo que o comboio as rebase.

“Neste tramo hai un sistema de sinalización convencional que, se os sinais están en vía libre, o único que non permite é pasar de 200 quilómetros por hora”, explicou o maquinista, é dicir, se non había outro tren que ocupase a vía e a máquina podía seguir transitando, ningún dispositivo de freada se activaría de maneira automática para reducir a velocidade do comboio, ao deixar de circular baixo o sistema ERTMS. 

“A velocidade tela que baixar ti e nese tramo é moi brusca” explicou ao tempo que aclarou que "depende só do factor humano". 
O maquinista non se aventurou a dar unha explicación ao que aconteceu no accidente, mais si sinalou que “ a sensación é que non reduciu a velocidade, mais puideron fallar outras cousas”. “Non sei se o tren freaba, se freaba en condicións”, apuntou, sen entrar a especular sobre as causas que levaron ao maquinista a non ser quen de reducir o comboio.

Comentarios