Silvia Penas, "Os premios son case a única maneira de publicar poesía"

A poeta Silvia Penas recibe o sábado día 13 ás 12 h. o I Premio de Poesía Lueiro Rey pola súa obra “As uñas crecen” que publica Sotelo Blanco. O acto de entrega celébrase no Multiusos de Fornelos de Montes, lugar de nacemento de Lueiro Rey. O premio están convocado polo concello, a Asociación o Cruceiro da Laxe e a editorial Sotelo. 

Silvia Pena
photo_camera Silvia Pena

-Por que colle as uñas como metáfora para facer poesía?

É bastante literal. As uñas están presentes na maior parte dos poemas, é un elemento constante. Funcionan como metáfora do paso do tempo. Mentres non están crecidas non rabuñas e mesmo despois de morta, as uñas continúan medrando. Trátase dunha procura da linguaxe na que interveñen moitos elementos.

-Como elemento poético, é ben singular...

Moitas persoas me dixeron que tiña un título horríbel, mais non reperei niso. Era o que tiña que ser, centrei as miñas teimas nesa parte do corpo. Están en case todos os textos.

-En especial na década dos noventa foron as mulleres as que recuperaron o corpo para a poesía. A presenza das uñas responde a esa idea?

Lin ás poetas que publicaron nos noventa e por esa razón algo pode quedar mais a miña non é unha poesía nesa liña. Non sei onde me podería encadrar. De momento non fago por me situar literariamente. Hai persoas que mudan dun libro a outro.

-O xurado valorou a frescura e novidade da obra. Fuxe de textos requintados?

Moitas veces escribo como penso, moitas veces de maneira directa. Iso non significa que non estén traballados.

-Gañou xa varios premios de poesía, entre eles o da universidade de Vigo, o Gzcrea ou o Victoriano Taibo. Por que decide escribir poesía? 

Depende do momento mais para presentarme a un premio e gañar uns cartos pode ser unha finalidade. Participo en recitais e tamén preciso textos para facelo e esta é a razón de que procure textos máis orais. O que si teño claro é que non é unha escrita introspectiva. Sempre gostei moito da literatura e hai unha necesidade de furgar na linguaxe, de estar cerca do texto. Gústanme os actos poéticos, cada vez me dou máis conta de que moita xente que non le chega á poesía a través de recitais. 

-A crise complica a publicaciónn de poesía, recórrese a autoedición e aos recitais. Pode ser que volvamos a un momento de dinamosmo como o da xeración dos noventa?

Dá a impresión de que así é. Ultimamente vou a moitos recitais, está habendo máis que antes. Tamén é certo que antes en calquera acto público tendía a haber música e agora, como non hai orzamento, chaman aos poetas, que recitan gratis!

Comentarios