Sermos Galiza enceta unha nova campaña de presentacións por todo o País

Esta quinta feira, primeira das presentacións da nova etapa do Sermos Galiza. Será esta tarde (20.30 horas) en Carballo, no Pazo da Cultura.
Sermos Galiza
photo_camera Sermos Galiza

Sermos Galiza inicia unha nova campaña de presentacións que se desenvolverán en distintas vilas e cidades galegas. O obxectivo desta campaña é facer máis presente o semanario impreso e o diario dixital Sermos Galiza no seo da sociedade galega, após case un ano na rede e nos quiosques. Neste senso, diversos colectivos sociais achegarán o proxecto xornalístico --nado a partir das achegas populares de centos de persoas-- ás comarcas do país. 

Unha fasquía máis innovadora e vangardista e o mesmo espírito fundacional

Será a estrea da nova etapa do Sermos Galiza, após a posta ao día do deseño quer do semanario quer do diario dixital. Unha fasquía máis innovadora e vangardista e o mesmo espírito fundacional: achegar a información precisa desde unha perspectiva crítica e nacional. 

A presentación de Carballo vaina organizar a Asociación cultural Lumieira e nela tomarán a palabra a súa presidenta, Rosalía Fernández, o escritor Xoan Fraga e o presidente do Consello de Administración de Sermos Galiza, Xoan Costa.

Comentarios