En Internacional, achegámonos até Rio de Janeiro, para coñecer tanto as posturas das grandes potencias sobre "economía verde", pero tamén para escoitar á Cúpula dos Povos, e achegamos unha nova reflexión sobre a situación postelectoral en Grecia. Analizamos a tentativa de expropiación da Finca do Espiño, un lugar de propiedade comunal, por parte do Concello de Santiago, para construír 120 vivendas de luxo. E tamén observamos cales son as medidas de varios concellos galegos para axustar o cinto.
En Economía repasamos con tres exemplos as consecuencias da reforma laboral , analízase que hai de certo nos anuncios da Xunta para conseguir carga de traballo para o naval galego. Na seccción de social, abordamos a nova reviravolta no ensino público, perpetrada por un goberno que antepón criterios economicistas aos pedagóxicos. Entrevistamos a Esther Vivas, que nos fala da importancia da soberanía alimentar para o pobo galego na loita polo autogoberno, e en Deportes achegámonos até as recentemente celebradas Olimpiadas Populares Galegas, para coñecer de primeira man a importancia dun lecer alternativo.
Entrevistamos á cantante Uxía Senlle, e preguntámonos que foi das axudas aos novos talentos do audiovisual galego. Entramos, da man das editoriais galegas, "até a cociña", para descubrir o mundo dos libros de gastronomía. E Okapi sae do Courel e visita esta semana uns cantos acuarios do país. Por último, na contraportada falamos coa porteira da selección feminina de balonmán, Alba Araújo.