Unha sentenza retira as multas de Facenda a un emigrante retornado

Unha sentenza retira as multas e o pago de intereses que Facenda tiña imposto a un emigrante retornado por non declarar a pensión cobrada en Alemaña. Os colectivos estanse a mobilizar para conseguir a eliminación das sancións por non teren tributado polos cartos que reciben de fóra por xubilación. 

emigrantes retornados2
photo_camera emigrantes retornados2

A sentenza recoñece que o emigrante retornado de Cartelle que interpuxo a reclamación non tiña obriga de tributar pola pensión que anualmente recibe de Alemaña e, polo tanto, retíralle as multas e os intereses que lle foran reclamados. A resolución abre portas de esperanza aos colectivos de emigrantes que retornaron que están a desenvolver unha campaña de mobilización para esixiren unha modificación da lei que non os grave por teren dous pagadores ademais de reclamar que se retiren as multas e sancións recibidas. 

A decisión do tribunal, neste sentido, non modifica a lei 35/2006 que é a que afecta ao colectivo e en función da que se impuxeron as sancións que acusan a emigrantes de defraudadores por non teren tributado polas pensións do exterior. A resolución está ditada polo tribunal económico-administrativo de Galiza, dependente da Secretaría de Estado de Facenda. O emigrante que presentou o expediente de reclamación recibira uns rendementos de pouco máis de oito mil euros no 2008 procedentes de Alemaña. Entre a argumentación, a sentenza remítese ao Convenio Hispano Alemán que fora asinado para evitar a dobre imposición recollendo que, segundo a orixe da pensión, estaba exenta de tributación á Facenda española. 

Comentarios