'Senlheiro' declara perante a Audiencia Nacional que o uso de explosivos con fins políticos é "unha barbaridade"

O mozo acusado de "integración en banda armada" e "tenza de explosivos" negou calquera vinculación "co nacionalismo galego" e coa organización AMI --Assembleia da Mocidade Independentista-- "desde hai máis de dez anos" e di que o que sabe sobre Resistencia Galega é "pola prensa".

senlheiro
photo_camera CC BY-SA Irmandade Tv


De "barbaridade até cando non causa danos persoais" foi como cualificou o uso de material explosivo con finalidade política Hadriam Mosquera, 'Senlheiro', o mozo galego xulgado esta segunda feira na Audiencia Nacional española polos delitos de "integración en banda armada" e "tenza de explosivos". O ministerio fiscal pide para el 18 anos de prisión.

O xulgamento encetou con 45' de demora sobre a hora fixada e coa declaración do propio Mosquera Pazos. O mozo, veciño do lugar de Quistiláns, en Ames, declarou que a caseta onde foi detido o 9 de xaneiro de 2013 era un lugar que frecuentaba tanto el coma as súas amizades e mesmo a veciñanza "para facer botellón, para combinar ou para fumar porros".

Xustamente isto último era o que, segundo a súa declaración, foi facer o día en que o prenderon. "Unha persoa preguntoume como me chamaba e inmediatamente despois dez encapuchados botáronse riba de min". A respeito dos termos que conterían explosivos e que a policía española defende que Mosquera Pazos manipulou, o acusado negou tal extremo e enfatizou que unicamente soubo que era o que había na bolsa "cando me dixeron por que estaba detido". 

Para alén de negar calquera militancia ora na AMI --Assembleia da Mocidade Independentista-- ora nalgunha outra organización nacionalista ou independentista galega, 'Senlheiro' explicou que as cartas incautadas no rexistro ao seu domicilio e pertencentes a persoas presas facían parte da súa actividade solidaria na organización PreSOS.

"Escribíame con moitos presos e a moitos deles non os coñezo", aclarou, recoñecendo como única militancia "simpatías" cara ao sindicato anarquista CNT. "Estou en prisión pola miña vinculación con algo co que estou absolutamente en contra", insistiu Mosquera, ao lle preguntar polo seu posicionamento cara ás prácticas de violencia cunha finalidade política. 

Declaracións das testemuñas

O letrado da defensa, Endika Zulueta, encamiñou as preguntas aos 10 funcionarios da policía española que prestaron declaración arredor dos feitos que narraron perante a Audiencia Nacional mais que no seu día non incluíron no atestado que deu lugar á acusación formulada.

Dados coma que Mosqueira Pazos levaría postas unhas luvas cando entrou na caseta onde foi detido ou por que se mantiveron como antecedentes contra o encausado unha detención anterior na baptizada como Operación Castinheira (ano 2005), cuxas dilixencias ficaron arquivadas, foron algunhas das cuestións que o letrado vasco formulou quer ao responsábel de redactar as dilixencias quer aos responsabeis do operativo en que foi detido o veciño de Ames.

"Era relevante", dixeron, que levara luvas, malia non aparecer este dado reflexado no atestado, tal e como recoñeceron. Acrecentaron, aliás, que a Operación Castinheira se mantén como antecedente policial porque, segundo explicaron, 'Senlheiro' non solicitou que se eliminase unha vez arquivada a causa. Un dos funcionarios policiais dixo que "non me consta" que tal causa fose arquivada e enfatizou que "me consta" que existe unha organización denominada Resistencia Galega, á cal cualificou de "terrorista". 

O encargado da redacción das dilixencias polas que Mosquera Pazos foi encausado asegurou que a frase colocada no atestado --de maneira literal-- que existen "sospeitas fundadas de que o acusado é membro de Resistencia Galega" é "unha opinión, non un feito, baseada na miña experiencia".

Por derradeiro, o responsábel do dispositivo, colocado fronte á porta da caseta no momento da detención, asegurou ter visto o mozo "toquetear" os termos que conterían o explosivo e que, malia que tampouco consta no atestado, a primeira evidencia que tiveron da identidade do mozo "foi cando el propio nos dixo quen era e preguntou quen eramos nós". 

En demostrar que a zona onde 'Senlheiro' foi detido é, efectivamente e tal e como el declarou, un lugar "habitual" onde se xunta a mocidade e a veciñanza da contorna centráronse as declaracións das dúas testemuñas da defensa. A primeira, un artista gráfico, afirmou ter ido realizar pintadas á devandita construción, parar alí para fumar ou partillar "unhas cervexas" de camiño ao río e mesmo nos meses do inverno, pois queda de camiño cara á localidade de Bertamiráns.

A segunda testemuña, veciño do lugar, recalcou que "non é nada extraordinario" que alguén vaia até alí fumar un porro --como declarou Mosquera Pazos-- "porque malia estar case derruída ten unha estrutura que permite ficar dentro dela". 'Senlheiro' leva en prisión preventiva desde xaneiro de 2013, cando foi detido no monte coñecido coma O Instrumento, próximo á vivenda familiar. 

Comentarios