"Se non o fai ninguén, facémolo nós!"

As brigadas cidadáns están mans á obra. Fouciños, gadañas, serras ou desbrozadoras son as armas que empregan para denunciaren o desleixo institucional. Asociacións ecoloxistas e culturais móvense para mirar polos bens comúns. Tanto limpan praias e recuperan fontes como adecentan mosteiros. 

Acción voluntaria de Adega
photo_camera Acción voluntaria de Adega

Onte mesmo, sábado día 29 o colectivo Acción Directa de Recuperación de Espazos Públicos achegouse á fonte dos Corrais, en Serantes para limpar a pedra e o desaugadoiro. O abandono do manancial, só mirado por algún viciños, fixo que se convertera en obxectivo de Acción Directa que actúa na comarca de Ferrol. 

A cada pouco, o colectivo sorprende con actuacións que teñen como fin a conservación e recuperación do patrimonio mais tamén a denuncia do desleixo dos poderes públicos. Hai só unha semana, Acción Directa anunciou a primeira “Operación Fouciña”, que consistiu en limpar herba e maleza das medianas para evitar os riscos cidadáns. A acción desenvolveuse desde a rotonda das Pías até Catabois. Deron con herbas de dous metros de altura que dificultaban a visibilidade e volveron co tema que lle lembran ao Concello en cada unha das súas iniciativas: o gasto de 812.000 euros para a Praza de España, obra que consideran innecesaria e reclaman para urxencias de persoas no desemprego, “mediante a creación de cuadrillas de traballo, escolas taller especializadas na reparación, limpeza e saneamento dos espazos públicos”. 

Abonda consultar o seu blogue para coñecer a relacións de accións que levan desenvolvido. Entre elas, un feixe de “accións sorpresa” como a limpeza e recuperación do lavadoiro na Cabana,a limpeza da fonte de Chamorro ou a erradicación dunha especie invasora no barrio de Caranza. 

Desde a cidadanía

Regatos, prazas, muros, fontes, praias, miradores ou xardíns son obxectivo de Acción Directa un colectivo composto por “cidadáns concienciad@s co valor patrimonial, paisaxístico e ecolóxico da comarca e outr@s cidadáns que se atopan en situación de desemprego que queren facer visible a grave situación que están a padecer”. Para accións sobre o patrimonio natural contan co asesoramento de Adega, Verdegaia ou SGHN. 

Tamén Adega bota man na súa actividade do “voluntariado” ecolóxico para denunciar e facer ver a enerxía cidadá contra a impasividade da administración. A máis recente foi neste mesmo mes de xuño cando, por mor do Día Mundial dos Océanos, desenvolveron unha acción de limpeza simultanea de praias ao longo de todo o litoral. Do voluntariado tamén tira a asociación ecoloxista para as accións do Proxecto Ríos ou a iniciativa Charcas con Vida. 

O De-Ambulatorio para o románico

O entusiasmo das persoas asociadas e das que se suman en cada saída é o principal patrimonio de O Sorriso de Daniel, a asociación de defensa e promoción do románico que converte cada acción nun acontecemento. A máis recente, dúas xornadas de limpeza en San Paio de Abeleda a mediados de xuño, no intento que teñ

en agora como obxectivo de conseguir traer á vida o único mosteiro da Ribeira Sacra aínda sen reconstruír. Abonda deterse na crónica fotográfica e literaria do seu blogue para achegármonos á relevancia que para a asociación teñen estas saídas nas que limpar significa compartir un patrimonio comunitario e botar un berro enérxico e entusiasta para reclamar a súa conservación. O que chaman “De-Ambulatorio Románico”, as accións directas sobre o patrimonio queren ser, segundo din, “unha voz que alerta, unha man que axuda, un corazón que alenta”. 

 

En Abeleda tiraron herbas, despoxos, madeiras... cun traballo voluntario que agarda unha segunda parte, a dos profesionais que teñen que mirar as posibilidades que ten o mosteiro de volver á vida. Anunciaban no Sorriso que ao día seguinte da limpeza empezarían a “traballar para que sexa a hora dos profesionais e San Paio de Abeleda non caia no esquecemento”. 

Pouco máis de un mes antes, por volta de fins de abril, a brigada do patrimonio dirixírase a San Estevo de Ribas de Sil para desenvolver unha limpeza programada na ábsida da igrexa. A crónica, outravolta, dá conta do significado que para a asociación ten mobilizar tantas mans para axeitar o patrimonio do románico. “Por detrás da desbrozadora traballan todos e todas. Con sachos, con legoñas, con fouciños, con forcadas, con enciños, con tesoiras de podar... Coas mans. E entre ¡penso que xa teño maniotas! ¡moito me doe o lombo ultimamente! ¡cámbiame o angazo que con este non me axeito! Alguén recibe un whatsapp: “Ánimo! Uns científicos australianos din que reuniron probas que demostran que existe a Dirección Xeral de Patrimonio”. 

Comentarios