Sargadelos tambalea co anuncio do despido masivo

A dirección de Cerámicas de Sargadelos anuncia que quere prescindir de 41 das 89 traballadoras na planta de Cervo e 27 de 84 da de Sada. A empresa de cerámica  vive os seus días máis tensos, cun futuro incerto para a proxecto fundado por Isaac Díaz Pardo e Luís Seoane. 

 

Sargadelos de Cervo
photo_camera Sargadelos de Cervo

Un total de 41 das 89 traballadoras de Cervo e 27 das 84 de Sada son as ameazadas con despido pola dirección de Cerámicas de Sargadelos, proposta que o comité de empresa non acepta. Denuncian que os despedimentos chegan despois de que desde o 2010 a empresa veu sucedendo ERES que afectaron ás condicións de emprego do cadro de persoal. 

O BNG de Cervo, a través do seu portavoz municipal Xoán Antón Estúa, lamentou que a dirección “opta por prescindir do fondo cultural e capital humano como valores máis importantes do proxecto fundado por Luís Seoane e Isaac Díaz Pardo”. Criticou a decisión da dirección da empresa por  considerala “desproporcionada e inxusta” despois de que o cadro de persoal da fábrica de cerámica teña sufrido “varios EREs encadeados desde 2010 facéndolles perder postos de traballo, prestacións económicas e cotizacións sociais” que traballadoras e traballadores asumiron co obxectivo de salvar a empresa e que, segundo o BNG, “non viñeron acompañados dunha xestión empresarial eficaz e coherente coas esixencias impostas ao cadro de persoal”. 

A empresa deu a coñecer onte os nomes das persoas que teñen previsto despedir, nun plan de viabilidade que o comité de empresa rexeita. A dirección de Sargadelos ten idea de comezar a aplicar o ERE extintivo e facer os despedimentos nun prazo de catro meses. 

Comentarios