“A sanidade non é unha dádiva, é un dereito”, berro multitudinario contra a privatización

Trece manifestacións na segunda xornada de folga xuntaron o maior número de persoas que se lembra na defensa da sanidade pública. A convocatoria das mobilizacións no peche da segunda xornada da folga do persoal público deixou á vista a forte oposición coa que se atopa a política privatizadora do PP. Máis de 80% de persoal en folga e milleiros nas rúas.

Pontevedra
photo_camera Pontevedra

“Non ao negocio coa nosa saúde!”, “Sanidade pública universal, gratuíta e de calidade!” ou “A sanidade non se vende, deféndese” foron algunhas das palabras de orde na xornada de mobilizacións que puxo o ramo a dous días dunha folga do persoal sanitario secundada, segundo os sindicatos organizadores, por máis de 80% de traballadores e traballadoras. 

A rotundidade da protesta sindical sumouse á contundencia da resposta na rúa. Milleiros de persoas, en cidades como Vigo ou A Coruña a participación superou todas as estimacións, manifestaron a súa oposición á privatización e o deterioro da sanidade pública. Segundo a organización, arredor de 50.000 persoas en Vigo e 20.000 na Coruña contribuirían a un cómputo que sitúa as mobilizacións da xornada nas máis numerosas da historia recente. 

“Pola sanidade pública. Que non fagan negocio coa túa saúde!”, líase nas pancartas da cabeceira, na que representantes dos sindicatos convocantes, CIG, CCOO, CESM e O´Mega. En todas as manifestacións, colectivos sociais, organizacións políticas, asociacións de veciños sumáronse con pancartas para apoiar a xornada de protesta, moi especial, as plataformas en defesa da sanidade pública de todo o país. Durante todo o día, en Cee e no Salnés pola mañá, en Ferrol ás 18 horas, en Burela ás 20.30 e no Barco, Ourense, Vigo, Lugo, Pontevedra, Santiago, A Coruña, Barbanza e Monforte ás 20 horas milleiros de persoas responderon á chamada polo dereito a unha sanidade pública, universal, accesíbel e de calidade. 

“A Sanidade non é un privilexio, é unha necesidade; non é unha dádiva que nos conceden, é un dereito. Ante a enfermidade, precisamos duns servizos sanitarios que nos axuden a mellorar, a sobrelevar a debilidade que nos produce, a sandar. E estes servizos sanitarios deben atendernos a
todos e todas por igual, sen discriminacións nin desigualdades. Iso só pode garantizalo a Sanidade
Pública”, comezaba o comunicado que foi lido en todas as mobilizacións do país. 

Acusan tamén o camiño crecente cara á desigualdade na atención sanitaria e o progresivo desmantelamento da Sanidade Pública para a converter nun “nicho de negocio para empresas amigas, vendéndoa por pezas e ao mellor postor”. Sitúan o desmantelamento da sanidade pública, de maneira especial, na privatización de ámbitos como a electromedicina, as cociñas e lavanderías, o mantemento, a xestión da radioloxía, nun in crescendo no que se albisca xa a administración dos laboratorios. “Estas medidas privatizadoras conseguen que os servizos se presten con peor calidade, que as empresas privadas decidan que aparatos comprar, que prestacións ofrecer, canto material ou persoal recortar... E xa sabemos que as empresas privadas buscan o lucro, non traballan para beneficio de ninguén máis que de si mesmas”. 

Repagamentos contra a equidade

No horizonte das maiores desigualdades e o desmantelamento da sanidade pública como dereito, milleiros de manifestantes uniron o seu berro tamén contra os repagamentos -ambulancias, ortopróteses ou medicamentos de dispensación hospitalaria- que, segundo sinalaron, supoñen un “imposto á enfermidade. Denunciaron que, a tal altura, detéctase xa un número importante de persoas que non recollen os medicamentos por non poder pagalos. “Velaí a equidade, sanidade para ricos,as persoas con menos recursos fican fóra”, afirmaron no comunicado. Peche de camas, mesmo plantas enteiras, e aumento de listas de espera son tónicas tamén da política do PP que deu forma de lei á privatización a través da Lei de Garantías pola que as persoas poderán ser atendidas na privada se pasa o prazo estipulado para estaren na lista de espera mais pagando por anticipado. “Outra mostra máis de que só poderá acceder á sanidade quen poida pagala e de que se trata de darlle negocio á privada”, din 

Mentres derivan directamente as vítimas de accidentes á privada, crean macro-áreas de xestión integradas que afastan o servizo sanitario da xente: dúas caras da mesma moeda, a privatización e o deterioro do servizo, os dous eixos da protesta que sacou das casas nunha noite fría a milleiros de persoas en todo o país. Respondían tamén á chamada do persoal da sanidade, do 80% de traballadores e traballadoras que lle plantaron cara á política do SERGAS que, entre outras cousas, está á artellar a través das Áreas de Xestión Clínica a estratexia para “trasladar ás persoas que traballan na Sanidade Pública, ás e aos profesionais, a responsabilidade de recortar, chantaxeándoos con incentivos ligados ao aforro”. O persoal que traballa no SERGAS "non está disposto a participar nese xogo, non cederemos á chantaxe. Non imos cambiar a calidade da sanidade pública por uns incentivos que son pan para hoxe e fame para mañá”, denunciaron da xestión do goberno de Núñez Feijóo, ao seu ver, a máis agresiva da historia no desmantelamento da sanidade pública. 

Incremento na segunda xornada

Os sindicatos convocantes fixeron un novo balanzo da folga anunciando que o persoal que secundou a protesta, que cifraran na primeira xornada nun 80%, mesmo se incrementou no segundo día, o que dá mostra da forte oposición que a política privatizadora do PP atopa en traballadores e traballadoras do SERGAS. 

A CIG denunciou a través da secretaria nacional de CIG-Saúde, María Xosé Abuín, que o SERGAS estaba mesmo a coaccionar as persoas das listas de contratación na área de Vigo ao non contratalas se confesaban que ían secundar a folga dos días 9 e 10.

Comentarios