Salvemos Cabana pide un cambio "profundo" na Lei de Minas que impida proxectos como Corcoesto

A Xunta reabriu este sabado a porta ao proxecto Corcoesto, após recibir nova documentación de Edgewater. Este domingo, Salvemos Cabana pedía un cambio "profundo" na Lei de Minas para tornar imposíbel a realización de proxectos como o que propón a compañía canadiana.

Corcoesto
photo_camera Corcoesto

Para Salvemos Cabana, a Lei de Minas de Galiza apresenta "importantes defectos de forma e numerosas incongruencias" que teñen sido aproveitadas "desde a administración autonómica do PP para favorecer a súa liña ideolóxica e proxectos empresariais afíns".

Xulga Salvemos Cabana que a actual normativa legal parte dunha premisa "basicamente errónea", a de atribuír o conceito de "sustentabilidade" ás actividades extractivas cando estas, pola súa propia natureza, son sempre a explotación dun recurso non renovábel e que se esgota "através duns impactos ambientais". A cousa empiora cando se trata de minería a ceo aberto. Nesas condicións é imposíbel "a restitución plena das condicións orixinais do territorio afectado".

Para a entidade contraria ao proxecto de Corcoesto, o Plano Sectorial de Actividades Extractivas "tal e como ten sido deseñado polo actual goberno autonómico do PP" (...) "imposibilita a compatibilidade do aproveitamento dos recursos mineiros coa protección do medio natural, o patrimonio cultural e o desenvolvimento da actividade agraria".

Salvemos Cabana demanda cambios na lei visando que "o respeito ao medio ambiente e aos usos tradicionais do territorio" atinxan un maior rango legal.

En concreto, propoñen mudar o termo "minería sustentábel" polo de "minería razoábel no aproveitamento de recursos do subsolo".

Comentarios