Saenz, banqueiro indultado polo goberno de Zapatero, deixa o Banco Santander cunha pensión de 88 millóns de euros

Naceu en Bizkaia, medrou nos bancos e círculos financeiros, delinquiu no Banesto, foi indultado por Zapatero e beneficiado por Rajoy e vén de xubilarse cunha pensión de 88 millóns de euros.

Alfredo Sáenz
photo_camera Alfredo Sáenz

Alfredo Sáenz, vicepresidente e conselleiro delegado do Banco Santander, deixa a entidade financeira aos 70 anos. Con profundo pesar mais cun gorentoso cheque de 88 millóns de euros no peto. Ese é o prezo da súa pensión. Ao que engadir o seguro de vida ao seu favor por algo máis dun millón de euros.

Sáenz marcha entre os aplausos e recoñecementos dos seus compañeiros de clase (na acepción non estudantil): o consello de administración do Santander fala de “extraordinaria labor” deste banqueiro . Os grandes medios de comunicación, pola súa banda, destacan que baixo o seu mandato este banco cuadriplicou o seu tamaño.

De Guindos: "A historia da banca española terá que lembrar a este home. Foi un banqueiro notábel"

Favorecido 'a diestra e siniestra'

No que atinxe ao poder político, non fixo falta que dixesen nada. Ben amosaron con feitos que Sáenz merecía prebendas e privilexios. En 2011 foi indultado polo goberno e Zapatero. O Tribunal Supremo condenara ao banqueiro por unha denuncia falsa do Banesto, entidade que el presidía, contra catro empresarios cataláns. Denuncia feita co seu coñecemento e que procuraba cobrar un crédito impagado. A condena implicaba, principalmente, inhabilitación, e iso xerou pánico no mundo financeiro español.

Mais non só Zapatero quixo botar un cabo ao banqueiro. O Tribunal Supremo anulara parcialmente o indulto de Zapatero, e a ameaza dunha posíbel indemnización pairaba sobre este banqueiro de 70 anos de idade. Mais aí estaba o goberno, agora en mans de Rajoy, para modificar a lexislación e que a posíbel condena de Sáenz non supuxese a súa saída da entidade.

Como un traballador máis

Agora Sáenz marcha para casiña. "Como un traballador mais" e "co deber cumprido", indican desde as entidades financeiras. Si, e cunha pensión  que case equival ao orzamento do Concello de Compostela para 2013

Comentarios