Rubén Cela: “Feijóo é responsábel de manter un goberno á deriva que está levando por diante a capital da Galiza”

De “límite”, cualifica o voceiro municipal do BNG, Rubén Cela a situación que atravesa o Concello de Santiago, con dez dos trece membros do grupo de goberno imputad@s nalgunha das seis causas xudiciais abertas. Para Rubén Cela o PP é o partido que máis dano lle fixo á capital galega que está acusando a paralización da acción dun goberno pendente dos xulgados.

Rubén Cela
photo_camera Rubén Cela

-Co grupo de goberno municipal pendente da xustiza, como definiría vostede a situación pola que atravesa o Concello de Santiago?

Absolutamente límite. Hai que ter en conta que dez dos trece concelleiros do grupo de goberno están imputados nalgunha das seis causas xudiciais abertas mais previamente déronse xa tres dimisións por causas similares. O anterior alcalde Gerardo Conde Roa acumulou tres imputacións en oito meses que estivo no goberno. A situación é xa insoportábel, sen parangón en ningún outro concello galego.  

"A situación é esperpéntica e tenlle provocado un prexuízo moi grande á cidade en termos de desgaste de imaxe ademais do funcionamento ordinario do propio concello".

-A primeira das imputacións foi a de Conde Roa por delito fiscal, mais as causas foron sumándose.

O anterior alcalde é imputado por defraudar a Facenda 300.000 euros en concepto de IVE no seu tempo de promotor inmobiliario. Logo veu a operación Pokemon mais tamén outra serie de causas entre as que se atopan a de persecución dun funcionario público que continúa aberta despois de desestimar un recurso o alcalde, o caso de facturas falsas, o da imputación de toda a Xunta de Goberno -que pode acabar procesada porque está en proceso a apertura da vista oral- por aprobar o pago no concello da defensa do concelleiro Adrián Varela... e agora sabemos que no marco da operación Patos, centrada no sur do país, está tamén o Concello de Santiago. A situación é esperpéntica e tenlle provocado un prexuízo moi grande á cidade en termos de desgaste de imaxe ademais do funcionamento ordinario do propio concello. Os concelleiros están máis preocupados polo que acontece polos datos que se van coñecendo dos xulgados que dos problemas e necesidades cotiáns da veciñanza de Santiago. O custe está a inmenso tamén na desafección da veciñanza que miran xa para o Pazo de Raxoi con desconfianza e séntense alonxados e pouco representados polo goberno municipal O que crea unha enorme alarma social e indignación é que ninguén asume responsabilidades por parte dos concelleiros e contan coa complicidade da dirección do PP que mira para outro lado. Téñome preguntado moitas veces que máis ten que pasar para que o presidente do PP e presidente da Xunta, señor Núñez Feijóo tome algún tipo de medida. Até agora o único que fixo foi manter no seu posto a todos os concelleiros.

"Os concelleiros están máis preocupados polo que acontece polos datos que se van coñecendo dos xulgados que dos problemas e necesidades cotiáns da veciñanza de Santiago"

-Entre a relación de casos que cita, hai algún especialmente grave xa que atenta contra dereitos e liberdades fundamentais como foi a presión dun concelleiro a unha empresa concesionaria para que despedira a unha traballadora por ser compañeira dun sindicalista da CIG.

Dá mostra de como o PP concibiu a acción de goberno en Santiago, considerando o concello como a súa leira particular. Confunden a maioría absoluta cunha maioría absolutista que o faculta para facer o que queiran. O máis relevante destas causas xudiciais é que destapan a forma de entender a política do PP. O que estamos a vivir é a descuberta dun sumatorio de influencias, prevaricacións, trato de favor a empresas con man na acción de goberno, actitudes inmorais e control da institución para intereses particulares. O nivel de indignidade é tal que mesmo chegan a poñer en perigo, como neste caso, o traballo dunha persoa que á propia empresa concesionaria  recoñece como eficaz por ser compañeira dun delegado da CIG. Compre en todo isto diferenciar dous planos, por unha banda está o estritamente xudicial e pola outra o plano político. No xudicial só podemos dicir que se aclare a situación o antes posíbel mais, á marxe diso, unha persoa que verbalizou frases como as que se recollen no sumario non pode estar nun cargo político. Non me vale o código interno do PP. Por riba de todo ten que estar a ética política. O PP  insiste en que imputado non é igual a condenado e que non van tomar decisións até que o sumario estea completamente aberto mais iso é unha auténtica aberración. Por esa razón, nin Conde Roa tería que dimitir no seu dia e, como se explicaría que seguise como alcalde unha persoa que defraudou intencionadamente a Facenda?  Defendemos a tolerancia cero coa corrupción e, cando se producen imputacións por motivos deste tipo a dimisión ten que ser inmediata. Iso é o que reclama o BNG que é esixente cos demais partidos mais comeza por selo consigo mesmo. Por cuestión de hixiene democrática e transparencia, quen estea imputado por presuntos delitos de corrupción ou malas prácticas ten a obriga de dimitir.

"Por cuestión de hixiene democrática e transparencia, quen estea imputado por presuntos delitos de corrupción ou malas prácticas ten a obriga de dimitir".

-O último episodio da Pokemon desvelou as conversas nas que a voceira do PP no Parlamento, Paula Prado facía uso irregular de cartos públicos cun sobrepagamento nunha contratación cando era concelleira en Santiago. Como valora o seu silencio e o do Presidente da Xunta?

Paula Prado, como o anterior xefe de gabinete, Ángel Espadas, son exemplos da dobre moral e a hipocrisía do PP. Compre lembrar que foron azoutes noutros tempos, e xuntos protagonizaran aquel famoso episodio no que participaran nun botellón para logo facer unha denuncia nos medios. Tempo despois, lembremos que Espadas aparecía ebrio durmido nun coche nun semáforo. Paula Prado foi especialmente dura e cada novo capítulo comprobamos que tivo comportamentos absolutamente impresentábeis. Non vale que no sumario haxa conversas nas que di que o pouco que facía Conde Roa cheiraba a pelotazo urbanístico e que non estaba disposta á recalificación da finca do Espiño porque naquel momento era voceira daquel goberno e defendía toda a súa actuación. Cando o BNG denunciaba operacións como as da finca do Espiño, ela era a primeira en saír na súa defensa. A partir de aí, o que podemos ver son comportamentos reprobábeis, tráfico de influencias, colocación de persoas... que mostran un Partido Popular absolutamente roto e esa e outra das conclusións desta situación, confirmar o que era un segredo a voces: a profundidade da ruptura que existe hoxe no grupo de goberno de Compostela. A situación na que se atopa fai imposíbel que podan traballar como grupo e cunha coordinación mínima. Están nun “sálvese quen poda” no que a única preocupación é saber se van seguir aí a semana seguinte.

"Paula Prado, como o anterior xefe de gabinete, Ángel Espadas, son exemplos da dobre moral e a hipocrisía do PP".

-Significa iso unha paralización da acción de goberno?

Nestes tres anos Santiago baixou moitos chanzos. A acción de goberno é nula e o pouco que se fai ou está baixo a lupa dalgún xulgado ou atopa coa contestación social evidente. Unha consecuencia directa da situación de xudicialización é a parálise absoluta. Unha cidade que na última década se dotou de importantes infraestruturas, cunha política cultural, medioambiental e patrimonial de recuperación está hoxe nunha situación límite. A actuación de maior envergadura que se fixo nestes últimos tres anos é o parque infantil de Ramírez. Compostela hoxe é unha cidade gris en aspectos tan básicos como as propias fochancas, xa nin son quen de atender o mantemento do vial, a xestión ordinaria do día a día. Hai rúas que teñen auténticos cráteres pola evidente inacción do goberno. Freouse en seco o que eran proxectos estratéxicos para o concello e viviuse unha involución en moitos terreos.

"Nestes tres anos Santiago baixou moitos chanzos.A actuación de maior envergadura que se fixo foi o parque infantil de Ramírez. Xa nin amañan as fochancas".

-O propio persoal municipal ten denunciado a situación con respecto ao seu traballo ou mesmo á persecución que deixou á marxe a varios funcionari@s.

Déronse episodios esperpénticos como que o Concello ten neste momento tres prazas de secretarios e tres interventores, igual que o Concello de Madrid. Fixeron novas contratacións por intereses que pouco teñen a ver co funcionamento do Concello senón porque eses habilitados non estaban dispostos a facer o que eles querían co cal optaron por desterralos dos seus postos de traballo. Un dos secretarios mesmo acaba de personarse por esta razón como acusación particular na Pokemon. De especial gravidade é comprobar, como se desprende do sumario, que empresas importantes participaban na decisión de quen ían ser os novos secretarios ou interventores, o que deixa á vista a relación de conivencia do PP coas empresas.

-Que saída pode ter esta situación a pouco máis dun ano das próximas eleccións municipais?

Para empezar do que estou certo é de que o único  que non pode pasar que é que non pase nada. Non sería admisíbel nin a xente está polo labor de que non pase nada xa que sería un insulto á propia veciñanza e ao funcionamento normal das institucións. En casos como este hai que actuar con contundencia. Está na man do PP facer dimitir a todos os concelleiros e concelleiras imputadas -tamén do PSOE que ten un concelleiro na mesma situación-, co cal terían que correr as listas e, non caso de se esgotaren, a lei electoral faculta para que podan nomear a quen a organización estime oportuno. Outra posibilidade sería a disolución e, neste caso, de quedar máis de un ano para as seguintes eleccións, a lei di que se procedería a convocar eleccións mais o PP apurou premeditadamente os tempos para que esta situación non se puidera dar, que sería o mellor escenario, para que a cidadanía xulgara e puidera opinar. A un ano das eleccións a única opción sería a dimisión ou a creación dunha xestora, sen respaldo popular, na que os partidos deciden quen a compón. Feijóo continúa a dicir que non vai actuar ate que o sumario estea todo aberto e o caso é que co que hoxe se sabe xa é impresentábel que determinadas persoas sigan no seu posto. O PP é o partido que máis dano lle fixo a Compostela e a pregunta é se o presidente da Xunta vai permitir que o concello se siga desangrando quince meses máis. Manter un goberno á deriva que leve por diante á capital da Galiza ten que ter responsábeis, os primeiros os propios integrantes mais tamén a dirección do PP, a comezar polo seu presidente.

"Déronse episodios esperpénticos como que Santiago ten neste momento tres prazas de secretarios e tres interventores, igual que Madrid"

-Falaba da desafección da veciñanza cara ao Concello, iso correspóndese con mobilizacións e outras accións de protesta?

O que é evidente, e así se sinte, é que a veciñanza vive con bochorno e vergoña o que está a acontecer e que este é un goberno deslexitimado e desprestixiado mais dáse tamén un discurso inxusto e perigoso que é o do “todos son iguais” que compre contrarrestar. O BNG estivo doce anos gobernando e moitos na oposición e en todos eses anos as súas actuacións foron absolutamente escrupulosas, cun sentido ético indiscutíbel. O PP tentou prender o ventilador para dicir que todos os políticos eran iguais mais o certo é que nos milleiros de folios da Pokemon non hai nin unha referencia a unha actuación incorrecta do BNG e por moitos expedientes que o partido do goberno os consta que revisou non atopou nada para botarlle en cara ao BNG. Nin todos somos iguais nin estamos na vida pública polos mesmos intereses. Preocúpame que que a veciñanza faga callo diante deste sumatorio de partes tan graves. Ninguén pode ser indiferente, é preciso revelarse e indignarse . Compre limpar as institucións e botar fóra a corrupción.

Comentarios