Ruadas pola soberanía de GpS para deixar claro que "esta non é a nosa Constitución"

Como unha festa na que reivindicar a nosa soberanía, a defensa dos nosos dereitos fronte unha Constitución que nega a existencia dunha Galiza de seu. Esta sexta feira 6 de decembro, día feriado para conmemorar a Constitución española, a iniciativa social Galiza pola Soberanía (GpS) sae ás rúas para rexeitar o que chaman a “lei magna”. 

Acto de GPS en Vigo
photo_camera Acto de GPS en Vigo

Por segunda vez, GpS aproveita unha data emblemática para as forzas políticas españolas para levar ás rúas a súa reivindicación de autodeterminación para Galiza. Despois de que o pasado 12 de outubro enchera Galiza de cartaces que reclamaban a soberanía en multitude de concentracións, agora é o 6 de decembro, oficialmente Día da Constitución, a data elixida para promover a mobilización social na defensa dos dereitos nacionais galegos. 

Reivindicación e festa que toma forma de ruadas. Convocadas en vilas e cidades do país, o obxectivo dos actos organizados por GpS é dar resposta á celebración oficial do 35 aniversario da Constitución española, aproveitado de maneira oficial para defender a unidade de España, como fixo a presidenta do Parlamento, Pilar Rojo quen, no seu discurso institucional, aproveitou para rexeitar o que chamou posturas “disgregadoras”. 

Fronte ese discurso que se impón no dia feriado do 6 de decembro, GpS fai unha convocatoria aberta a toda a cidadanía para partillar as ruadas festeiras que se desenvolverán, con distintos programas, en cidades e vilas de Galiza. En Vigo, partirá ás 12 co lema “Esta non é a nosa Constitución” e convocan as cidadás e os cidadáns a asistiren con instrumentos musicais ao lugar de partida na praza da Farola. 

Percorrido soberanista por Galiza

En Lugo a concentración será no Campo da Feira ás 11.30 horas para rematar cun encontro de fútbol sala no IES Ánxel Fole, coorganizado pola Plataforma Seareir@s Galeg@s. 

En Compostela será unha Ruada de Bandeiras a que saia por volta das 12:00 da Praza do Pan (Cervantes) para percorrer algunhas rúas da zona histórica mentres na Coruña a concentración será no Obelisco ás 12:00 coa consigna  ‘Esta Constitución é unha fraude!’ . O CC Torrente Ballester de Ferrol será o lugar de partida da ruada máis tardía, xa que comeza ás 13:00 horas para dirixirse á Praza da Constitución co lema “En Galiza temos futuro, traballemos pola Soberanía!’. Da praza do Concello de Salvaterra do Miño sairá a acción reivindicativa por volta das 12 horas. 

“A súa constitución non nos representa e reivindicamos a maioridade do pobo galego para construír un futuro libre"

GpS contesta desta maneira o “Día da Constitución española” con actos de afirmación nacional. “A súa constitución non nos representa e reivindicamos a maioridade do pobo galego para construír un futuro libre e sem intromisións nen ameazas”, defenden. Destacan que as iniciativas de GPS teñen “carácter suprapartidario” e convidan a participar á cidadania galega nos actos que se desenvolverán en vilas e cidades galegas. 

O pasado 12 de outubro, mediante unha acción sorpresa, GpS conseguiu pendurar faixas xigante co lema “Galiza pola soberanía” en lugares emblemáticos do país para facer pública a vontade de construción dun Estado galego, nunha data de conmemoración histórica para o españolismo. 

No seu manifesto fundacional, Galiza pola Soberanía facía un chamamento a promover “o debate, a axitación social e a mobilización, a tomada de consciencia da maioría do pobo galego no proceso de construción nacional, co obxectivo final de camiñarmos cara á unha situación de soberanía plena, fixada na consecución dun Estado Galego, antipatriarcal, social, laico e radicalmente democrático con base nunha república para construírmos, de maneira pacífica e solidaria, unha sociedade xusta, libre e verdadeiramente igualitaria”.

Comentarios