Roubos e sexo na Catedral de Compostela

Fernández Castiñeiras, o autor confeso do roubo do Códice Calixtino da Catedral, presentou unha declaración de quince páxinas no Xulgado nº 2 de Compostela na que denuncia relacións sexuais e roubos. O xuíz restou credibilidade ao documento e o Cabido pensa presentar denuncia.

Quince folios manuscritos presentou o autor confeso do roubo do Códice Calixtino, José M. Fernández Castiñeiras, no Xulgado nº 2 de Compostela. Neles solicita declarar sobre feitos que presenciou nos últimos anos nas súas frecuentes visitas á catedral. No escrito, segundo fontes xudiciais, asegura cando estaba no templo compostelán foi testemuña de "relacións sexuais" con algunhas "actitudes máis alá do paternal" como "palmadiñas no cú".

O electricista denuncia tamén roubos continuados por parte de responsábeis das esmolas no templo. "Metían a man na bolsa e sacaban cartos", asegura no escrito. Tamén sinala que moitos dos agasallos que levaban @s crentes "desaparecía" antes de chegar ao seu destino. Remata o texto indicando que a presentación do manuscrito é a súa maneira de que a xente soubera destes "feitos graves" que levaba tempo pensando como denunciar.

"Metían a man na bolsa e sacaban cartos", asegura no escrito

O xuíz resta credibilidade ao manuscrito

José Antonio Vázquez Taín, o xuíz que instrúe o caso, restou credibilidade ao manuscrito en declaracións á radio pública de Galiza. "Non achega nada na defensa", sinala, "son unha serie de informacións infundadas que non nos permiten pensar que hai algo que se poda investigar".

O xuíz cre que "xuridicamente non ten a máis mínima relevancia, non imos abrir ningún tipo de investigación porque son unhas acusacións moi xenéricas". A causa agarda que as partes presenten os seus escritos para poñer data ao xuízo.

O Cabido da Catedral, polo seu lado, anunciou medidas legais contra Fernández Castiñeiras polas acusacións con nomes e apelidos que aparecen no manuscrito.

Comentarios