A rotura dunha balsa no Monte Neme alerta dos perigos da minaría

As escorrentías derivadas da rotura dunha balsa pertencente á antiga canteira do Monte Neme, na Costa da Morte, reaviva as alertas polo modelo de minaría que defende a Xunta de Galiza. A veciñanza reclamaba desde hai un ano un plano de seguridade que nunca chegou. 

Imaxe de arquivo do Monte Neme. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Balsa no Monte Neme [Artabron.blogspot.com]

As vilas de Aviño (Malpica) e Razo da Costa (Carballo) padeceron esta fin de semana as consecuencias da minaría. E é que a balsa que ficaba no Monte Neme, pertencente a unha antiga canteira, rachou esta madrugada froito do temporal que atinxe o país desde as últimas semanas. Neste senso, os residuos mineiros que contiña a balsa asolagou con auga, pedras e lama as leiras da contorna e mesmo ameazou unha das casas de Aviño. 

Desde a Alternativa Galega de Esquerda (AGE) o deputado Antón Sánchez denunciou esta segunda feira "os riscos privados que paga toda a cidadanía" e advertíu das consecuencias dun modelo mineiro que, malia as diferenzas, o PP continúa "empeñado", dixo, en defender. Un modelo, subliñou, "que o PP defende para a mina de Corcoesto" co agravante de empregar cianuro para a extracción de ouro. 

"A desfeita medioambiental do Monte Neme ilustra a privatización de beneficios e a socialización dos riscos"

"O que aconteceu a pasada noite en Monte Neme abonda para desmontar ese discurso irresponsábel", asegurou Sánchez en relación ás mensaxes de seguridade que lanzan desde o goberno galego e o PP arredor dos proxectos mineiros. Un discurso, acrecentou, "que só responde aos intereses colonizadores". 

Un ano á espera dun plano de seguridade

Asemade, desde AGE denunciaron que "a desfeita medioambiental" xerada pola rotura da balsa do Monte Neme ilustra a “privatización de beneficios e a socialización dos riscos” pois será a veciñanza quen teña que asumir as consecuencias das riadas e as perdas económicas que delas devén pois, explicou Antón Sánchez, "a empresa concesionaria da antiga canteira, e responsábel así da balsa de residuos, ten sede en Valencia e atópase en concurso de acredores". 

Tamén así, o parlamentar lembrou que "hai máis dun ano" @s veciñ@s alertaran dos perigos da balsa e se ben "daquela a Dirección Xeral de Minas da Xunta prometeu un plan de seguridade", indicou, o pasado mes de decembro aínda non fora elaborado. "Agora xa chega tarde", sentenciou.

Comentarios