Romay Beccaría, cuxo chófer era testaferro de Dorado, di agora que non coñecía a Dorado

Malia que o seu chófer era testaferro do narcotraficante, o ex-conselleiro de Sanidade di que non coñecía a Dorado. De acreditarmos na súa versión, nos anos 90 nen o número 1 nen o 2 de Sanidade sabían quen era o connotado contrabandista sobre o que pairaban suspeitas de ser narcotraficante e branqueador de diñeiro, logo confirmadas.

Nin o conselleiro nin o daquela número dous de Sanidade (Alberto Núñez Feijóo) admiten que coñecían a que se dedicaba Marcial Dorado. Así o aseguraron ambos os dous ao longo desta semana e en repetidas ocasións. 

O presidente do Consello de Estado e ex-conselleiro de Sanidade, Romay Beccaría sinalou esta sexta feira que "tampouco coñecía a Dorado" nin sabía que existía un dos máis soados nomes do contrabando e o narcotráfico en Galiza. 

Romay Beccaría nega ter coñecemento das actividades delictuosas de Dorado nos '90 mais o seu chófer oficial era testaferro do narco

En declaracións aos medios de comunicación, Beccaría defendeu a figura do presidente da Xunta --do que no seu momento foi padriño político-- e afirmou que el "tampouco coñecía" o arousán nin os negocios que este viña desenvolvendo. As afirmacións do popular contrastan cos feitos coñecidos após a publicación das fotografías de Dorado e Núñez Feijóo. 

Neste senso, o testaferro do narco (Manuel Cruz), o elo entre Dorado e Feijóo, foi durante anos chófer oficial do ex-conselleiro de Sanidade. Aliás, Marcial Dorado xa fora nos anos '90 imputado por delitos de narcotráfico e branqueo de capitais no decorrer da Operación Nécora. Acusacións que anos despois se confirmarían e rematarían por levar a prisión ao aurousán. 

As contas irregulares do Partido Popular
Esta quinta feira os primeiros resultados tirados das investigacións xudiciais arredor da contabilidade do PP amosaban que o partido no goberno recibira durante 20 anos doazóns ilegais procedentes de empresas vinculadas á construción. O descubrimento viña a confirmar que os dados coñecidos após a publicación dos 'papeis de Bárcenas' eran certos ao existiren irregularidades na contabilidade popular. 

Romay Beccaría é até o momento o único tesoureiro do PP que non está imputado por delito de corrupción. Porén, o que foi responsábel das contas populares logo da saída de Bárcenas nunca puxo en coñecimento da xustiza a existencia de irregularidades na contabilidade do PP malia que, como se coñeceu, a primeira vista eran evidentes as doazóns ilegais percibidas durante dúas décadas. 

Comentarios