Román Rodríguez, a garantía para continuar a política de Xesús Vázquez

O nomeamento do deputado Román Rodríguez para dirixir a Consellaría de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria fai intuír a continuidade na política educativa e cultural de Xesús Vázquez no último ano de lexislatura. A CIG-Ensino reclama, pola contra, un “xiro de 180º”.

Román Rodríguez
photo_camera Román Rodríguez

 

O nomeamento por parte do presidente da Xunta, Núñez Feijóo, do portavoz no Parlamento da área de Educación indica, segundo a CIG-Ensino, sindicato maioritario no sector, unha liña de continuidade coa política de Xesús Vázquez, que definen como o “máis nefasto da historia da Consellaría de Educación”.

Feijóo premia, segundo distintas fontes, a lealdade ao PP co nomeamento de Román Rodríguez, deputado no Parlamento Galego que chegou á política da man do alcalde Xosé Crespo como concelleiro de Lalín. Se ben en San Caetano nas últimas semanas agardábase que Feijóo ascendera a algún dos cargos do seu goberno, en especial da propia Consellaría, como os secretarios xerais de Cultura e Política Lingüística, Anxo Lorenzo e Valentín García, o presidente optou por escoitar o partido e tirou directamente por un cargo electo nas listas do PP, o deputado pola provincia de Pontevedra, Román Rodríguez, profesor da Universidade de Santiago.

Para a CIG-Ensino, sindicato maioritario no sector, o nomeamento leva a pensar que o PP “quere dar continuidade á política educativa que até hoxe guiou o Conselleiro saínte, enviando unha mensaxe de continuidade nas nefastas políticas de educación”. Supón iso, para o sindicato nacionalista, afondar nunha liña de desmantelamento do ensino público en beneficio do privado, a persecución do galego ou a destrución de emprego no ensino. “Tratouse dun conselleiro inimigo do ensino público e do ensino en galego e ao servizo da patronal do ensino privado concertado e da que segrega o alumnado por razón de xénero, un conselleiro ao servizo da ideoloxía máis reaccionaria do Partido Popular e en contra do Ensino Público Galego”, din desde a CIG-Ensino na valoración do conselleiro que sae do goberno para ser candidato no concello de Ourense.

Coa ILP na man

Botan man agora desde a CIG-Ensino da ILP en defensa do ensino público apoiada por 23.000 sinaturas, que entregaron ao novo conselleiro no Pazo do Hórreo cando era voceiro de Educación, para pedirlle que a lea agora de vagar como responsábel de educación na Xunta de Galiza e que, segundo o Secretario Nacional da CIG-Ensino, Anxo Louzao, “el mesmo recoñeceu que era unha emenda á totalidade da política educativa da Consellaría de Educación”. “Mais xa as primeiras declaracións de Román Rodríguez poñen en evidencia a aposta do PP por unha política continuísta”, lamenta Louzao que non mostra esperanzas neste nomeamento xa que, ao seu ver, a única posibilidade para o ensino público é “un cambio de rumbo total na política educativa e lingüística do PP”, que non agarda do novo conselleiro.  

“O  presidente Feijóo volve mirar para adentro e polo tanto hai un perfil absolutamente continuista”, valora o secretario xeral do PSdeG- PSOE, Rodríguez Besteiro quen, malia iso, convida o goberno da Xunta a mudar a súa política educativa e cultural. 

O voceiro do BNG no Parlamento, Francisco Jorquera, convidou ao novo conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria a escoitar “o clamor social” da manifestación do domingo en Compostela convocada por Queremos Galego e poñer fin “as políticas lingüicidas do Partido popular”. Será este, segundo Jorquera o seu “primeiro test” que levará a comprobar se o goberno da Xunta está “diposto a dialogar” e a cambiar unha política lingüística que conduce “á liquidación do noso idioma”. 

 

Comentarios