Riotorto convoca unha asemblea nacional para facer fronte ao repagamento de medicamentos

O concello de Riotorto convoca para o 26 de outubro unha asemblea de representantes institucionais, colectivos sociais, profesionais, de defensa sanitaria, sindicatos co fin de paralizar o repagamento para os doentes crónicos. 

Riotorto encabeza a loita contra o repago
photo_camera Riotorto encabeza a loita contra o repago

O concello de Riotorto está a abandeirar a oposición contra o repagamento de medicamentos para enfermos crónicos, aínda máis coa convocatoria dunha ampla xuntanza nacional que congregue o sábado 26 de outubro a entidades sociais e institucionais que se opoñan á aplicación da medida imposta polo PP desde o goberno de Rajoy. Colectivos sociais, colexios profesionais, plataformas en defensa da sanidade, representantes institucionais, movemento veciñal, os sindicatos, organizacións profesionais ou asociacións de doentes están convidadas a participar nesta grande xuntanza da que se agarda que saian medidas para presionar contra o repagamento. 

Colectivos sociais, colexios profesionais, plataformas en defensa da sanidade, representantes institucionais, movemento veciñal, os sindicatos, organizacións profesionais ou asociacións de doentes están convidadas a participar na xuntanza

O Alcalde de Riotorto, Federico Xosé Gutiérrez Estoa (BNG), dirixirase persoalmente por carta a todas as entidades e asociacións implicadas para convocar a xuntanza que terá lugar ás 11 horas do sábado 26 na Casa da Cultura de Riotorto e que será aberta a quen queira participar. 

“Tócanos a nós dar esa grande batalla social que garanta que a sanidade en Galiza vai seguir a ser  universal e gratuíto. Non hai posibilidade de mellorar o presente, de dotar o noso pobo duns estándares mínimos de calidade de vida se non somos quen de enfrontar a axenda da Xunta que é a mesma que ao do capital”, sinalou o alcalde Federico Gutiérrez Estoa para quen a decisión do PP, “non se xustifica mesmo desde a perspectiva do aforro para os orzamentos públicos, algo que recoñeceu o presidente da Xunta, o problema está en que o presidente da Xunta está nunha cruzada contra a sanidade pública e tanto lle ten que lle poida acontecer a unha persoa que careza de medios económicos”.

As liñas vermellas

O alcalde de Riotorto agarda que sexa a presión social á que obrigue ao PP a dar marcha atrás a súa decisión xa que, ao seu ver, “a decisión do goberno significa cruzar todas as liñas vermellas”, ao cobrar por medicamentos empregados para enfermidades como o cancro de ril, tumores cerebrais, leucemia mieloide, tumores malignos, artrite reumatoide, dexeneración macular ou a hepatite C. Gutierrez Estoa é o primeiro alcalde que manifestou a súa decisión de asumir o repago dos medicamentos por parte do concello se o PP non daba marcha atrás na imposición desta medida de recorte sanitario. A política do Ministerio de Sanidade responde, segundo Estoa, a un goberno “sen alma” que é quen de dar un “salto cualitativo “ para atravesar “todas a liñas vermellas que garantían a universalidade da sanidade”. 

O alcalde de Riotorto aproveitou o anuncio da convocatoria de asemblea aberta para instar ao presidente da Xunta a que paralice a entrada en vigor da resolución do pasado mes de setembro pola que se establece o repagamento de medicamentos por parte da persoa doente.

Comentarios