A responsabilidade do Estado na traxedia de Angrois, no nº 58 do Sermos

Neste número analizamos polo miúdo o brutal accidente ferroviario da Grandeira. Tamén falamos coa xente que traballa no verán, entrevistamos a Bautista Álvarez e intentamos determinar o impacto na economía galega da venda de NGB

Sermos Galiza, 58

Máis un Sermos Galiza na rúa. Desta volta, o 58. Un semanario que se centra na traxedia ferroviaria de Angrois. Un sinistro que evidenciou deficiencias, erros e carencias dunha alta velocidade que na galiza non é tal. Falamos cos veciñ@s de Angrois, con maquinistas, con enxeñeiros, con sanitari@s, con representantes políticos... Todo para responder ás múltiples interrogantes abertas na peor traxedia terrestre da Galiza moderna.

Tamén nos achegamos neste número á xente para a que o verán é traballo, non lecer. Tendeira de barrio, socorrista, pementeiras...sete voces para sete historias de traballador@s no verán.

Que significaría para a economía de Galiza a venda de NGB a un gran banco español, tal e como ten na súa folla de ruta o goberno do Estado?. Achegamos as chaves para entender ese impacto, no que estaría na corda bamba até o 12% da riqueza xerada no noso país.

Das touradas á dragaxe

Tamén quixemos neste Sermos Galiza botar un ollo ao declive das touradas, unha 'festa' que esmorece entre a indiferenza de moit@s e o rexeitamento activo de sectores cada vez máis amplos. E explicamos a denuncia contra a Xunta pola dragaxe de Ferrol.

Seguimos conmemorando os 150 anos de 'Cantares Gallegos', adentrámonos nun verán de crise no que a música procura sobrevivir e entrevistamos a Bautista Álvarez co gallo da publicación por Xerais de 'Retallos daquela infancia'. “Escribo para divertirme”.

Por Fisterra

Na sección de Viaxes na miña Terra percorremos Fisterra da man do colectivo Xea, gozando de solpores, itsmos e lendas como om da Orca Vella.Non pasamos por alto a aparición de 'Oink' e aledámonos porque o Xabarín ten revista

Todo isto, e moito máis, neste Sermos Galiza.


 

Comentarios