Asesor da ditadura militar fala no Centro Galicia de Bos Aires nun acto de homenaxe a Fraga

A Agrupación Federico García Lorca fixo público o seu rexeitamento á homenaxe que o próximo xoves 11 de abril se lle rendirá a Manuel Fraga no Centro Galego de Bos Aires. Califícano de “ditador e cómplice do xenocidio franquista”. 

Fraga nun acto oficial con Franco
photo_camera Fraga nun acto oficial con Franco

O acto de homenaxe a Manuel Fraga terá lugar o día 11 no Centro Galego de Bos Aires. O convite está asínado en calidade de presidente por Benito Blanco, empresario protagonista da biografía “De Lalín a Buenos Aires. Benito Blanco, un gallego emprendedor” que presentou en Bos Aires o seu amigo Castelao Bragaña, que foi presidente do Consello da Emigración do PP e causou un dos maiores escándalos do seu partido ao pronunciar en outubro do pasado ano a frase “as leis son como as mulleres, están para seren violadas”. 

No programa do acto está previsto que interveña o analista político Rosendo Fraga, coñecido na Arxentina pola súa colaboración e connivencia con distintas ditaduras militares, en especial, coa de Roberto Viola da que foi asesor. 

A Agrupación García Lorca lembra que Fraga foi Ministro de Información e Turismo con Franco, “encargado de censurar á prensa e de coartar a liberdade de expresión do pobo español, membro da falanxe e responsábel de sanguentas represións”. Citan, entre outros casos, que polas súas mans pasaron “ordes de fusilamento de loitadores sociais como Julián Grimau, avalando as torturas previas e os nefastos e inhumanos procederes do goberno que representaba” ou a represión como ministro de gobernación aos obreiros de Victoria. 

Por todo isto, repudian a “vontade dos organizadores e a anuencia das institucións que avalan semellante insulto aos valores humanos, a liberdade e a democracia”. A organización de españois na Arxentina reclama apoio ao rexeitamento e ofrecen a súa páxina de facebook para facelos públicos. A campaña está apoiada pola CTA de Traballadores. 

 

Comentarios